Vén de celebrarse a entrega de premios do certame literario Manuel Oreste Rodríguez López, do Concello de Paradela, na súa XXIX edición, nun acto presidido pola Alcaldesa Montserrat Mulet Sar, e o Secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín GarcíaGómez, aos que acompañaron os membros do xurado Ángel Fernández,Antonio Giz e Xulio Xiz, o Xefe territorial de Cultura da Xunta de Galicia, Manuel Antonio Fernández, e os representantes da Familia, Irene López, viúva do escritor homenaxeado e o seu neto, Carlos Rodríguez.
O acto contou coa colaboración musical de Martín Vázquez, Director da Banda de Paradela, que interpretou ao trombón pezas de P. Tchaikovski e Schubert.
Leron anacos dos seus traballos os premiados que acudiron ao acto da entrega: cinco de diversos puntos de Galicia e un, Ricardo Arjona Antolín, de Sevilla.
Na súa intervención a Alcaldesa expresou o sentimento do concello e dela mesma polo pasamento de dous membros do xurado (Xesús Mato, Fillo Predilecto de Paradela, e Santiago Rodríguez, Fillo adoptivo a título póstumo), e a satisfacción por incorporar ao xurado da próxima edición a Xaime Félix López Arias, Arlindo, historiador e escritor con raíces en Paradela, e a Carlos Rodríguez Otero, musicólogo, neto de Manuel Rodríguez López; así como a Irene López, viúva do escritor que da nome ao Certame, como Presidenta de Honra.
Fixo constar asimesmo a Alcaldesa a satisfacción que en Paradela produce que “o novo Auditorio de Lugo se vaia chamar “Fuxan os Ventos”, polo que supón de homenaxe permanente a Xesús Mato, inspirador e creador deste xa mítico grupo que revolucionou a canción galega a comezos dos anos setenta do século XX.”
Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales coma reconocerte cando volves á nosa web ou axudar ó noso equipo a comprender qué seccións da web atopas máis interesantes e útiles.