Envorca un camión en Vilalba que transportaba uns 2.600 coellos. O accidente tivo lugar esta noite, nunha rotonda de enlace da A-8 coa AG-64. Foi o condutor o que alertou ao servizo de emerxencias 112 contra ás 2:00 horas desta madrugada. Explicou que os animais ían en varias gaiolas e que boa parte deles faleceron a consecuencia do sinistro.
Aínda que o condutor do camión non resultou ferido, os efectivos sanitarios decidiron enviar unha ambulancia, xa que o home aseguraba ter molestias nunha man. As forzas da orde solicitaron a intervención dun veterinario para avaliar o estado dos coellos que sobreviviron ao sinistro e, ao tempo, proceder á retirada dos animais mortos.
O Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia informou da situación a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico. Tamén se alertou aos Bombeiros de Vilalba, aínda que non foi precisa a súa intervención. Ademais, dende o 112 Galicia deuse conta dos feitos a Urxencias Médicas.