Con motivo do Día mundial das Montañas, o vindeiro sábado, 11 de decembro, a Coordinadora “Eólica, Así Non” apoiada en máis de 170 colectivos de toda Galicia, convoca á sociedade galega a unha nova grande mobilización fronte a actual invasión eólica. A Coordinadora “Eólica Así Non” escolle esta data polo seu carácter especialmente simbólico na loita social contra a vaga eólica colonial que está a sufrir o país e que discorrerá baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica Así Non”.
En Lugo a concentración será fronte o multiusos da Xunta de Galicia, ás 12h, haberá gaiteirada e poesía reivindicativa, en Becerreá, a concentración será ás 12h na Praza do Concello, en Meira tamén ás 12h na Praza do Concello e en Antas de Ulla ademais da concentración haberá unha andaina que partirá ás 12h da Praza Nova.
Na comarca de Lugo, que atinxe aos concellos de Castroverde, O Corgo, Friol, Outeiro de Rei, Guntín e Lugo, e que lembremos está dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, son 14 as instalacións eólicas autorizadas ou que xa están en funcionamento, ás que hai que sumar catro máis en tramitación, dúas delas pola Xunta e outras dúas polo MITECO, o que equivale a un total duns 400MW e a máis de 170 de aeroxeneradores, coas correspondentes liñas de evacuación e instalacións asociadas.
En Becerreá e Navia, aínda estando dentro da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, están proxectados 7 parques ( 6 no concello de Becerreá), promovidos por Enel e Greenalia principalmente. Supoñen unha potencia anual de 270MW. A comarca, con unha poboación en caída libre, veriase abastecida con 3 aeroxeneradores dos mencionados.
Reclaman alternativas reais para umha comarca especialmente castigada polas administracións durante décadas. De levar-se a cabo os proxectados, seria um desastre que hipotecaria para sempre o futuro da comarca. Na Comarca da Ulloa, a situacion é similar, hai actualmente tres parques eólicos en tramitación, un total de 94,5MW e 22 aeroxeneradores, aos que hai que sumar os parques eólicos xa existentes chegando aos máis de 180MW e 93 aeroxeneradores das instalacións eólicas proxectadas na zona.
Na Comarca de Meira, os novos parques eólicos en tramitación afectarán significativamente e comprometerán a continuidade da actividade agrícola da zona, estando unha gran parte dos novos aeroxeneradores e liñas de evacuacións, proxectados sobre parcelas de uso agrario.