EQUO Galicia propón duplicar os espazos na Rede Natura 2000 reforzando a súa protección e a derrogación da “Lei de Depredación”

Os espazos naturais son tesouros que temos que preservar xa que son vitais para a mitigación da emerxencia climática polo seu papel de reservorios de carbono e claves para a preservación da biodiversidade. Deste xeito, EQUO Galicia, propón mellorar a protección de medios como bosques, turbeiras e matogueiras húmidas. “As medidas que contemplamos son a revisión do Plan Director da Rede Natura 2000 e a mellora dos mecanismos de protección para equipalas a figuras como a do Parque Natural. Queremos ademais duplicar a superficie protexida dende o 11,7 actual ata o 18% do territorio” explicou o número un da candidatura por Pontevedra e co-voceiro autonómico do partido ecoloxista, Néstor Vázquez. A formación verde traballará tamén no Parlamento para crear novos parques naturais entre os que incluirían áreas do Macizo Central Ourensán, Os Ancares, O Courel e o Monte Pindo. “Temos que mellorar tamén a protección do humidal da Lagoa de Antela e de espazos na Limia, na Terra Chá e nos bosques de ribeira como As Gándaras de Budiño. É fundamental que a titularidade destes espazos sexa pública, polo que, negociaremos coas persoas que teñan propiedades nestas áreas para permutalas por outras fóra destes espazos” proseguiu Vázquez. Pola súa banda, o candidato á Xunta de Galicia, Alberto Prieto falou da importancia de crear corredores ecolóxicos para que a fauna poda desprazarse sen causar problemas á poboación. “Moitas veces as infraestruturas fragmentan o territorio e limitan a renovación xenética das poboacións animais e pensamos que é un problema ao que lle temos que pór solución”, afirmou o candidato ecoloxista que engadiu que outro dos problemas que queren solucionar sería o da sobrecarga de traballo nos departamentos de Medio Ambiente. “Pensamos que é unha necesidade dotar de medios económicos, humanos e materiais estes departamentos, especialmente aos que se ocupan das sancións” sostivo Prieto. Derrogación da Lei de Depredación EQUO Galicia considera que unha das primeiras medidas polas que loitará no Parlamento será a derrogación da Lei 5/2017 de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galicia máis coñecida como “Lei de Depredación”. “Este texto legal supón dar renda solta ao capitalismo máis salvaxe ante o cal a Xunta puxo todos os nosos recursos naturais sen consultar a ninguén e sen debate público. Unha das cousas máis urxentes que ten que facer unha forza ecoloxista é derrogar esa lei que afonda no extractivismo sen control, na expansión do eucalipto e que deixa as veciñas sen capacidades para frear os proxectos de grandes empresas sen escrúpulos. Non pode ser que todo iso se poña por riba do patrimonio natural e histórico e das necesidades da cidadanía” expuxo o candidato á Xunta por EQUO Galicia, Alberto Prieto. Nese eido o co voceiro de EQUO Galicia, Néstor Vázquez, expresou que unha vez redefinido o marco legal é o momento de que haxa un Consello Galego da Minaría onde teñan voz as organizacións medioambientais e veciñais e non só os grupos de presión empresariais. “Queremos que estas decisións se tomen entre todas e non nos poidan forzar a aceptar proxectos que estragan o noso entorno” explicou Vázquez. A formación ecoloxista inclúe outras medidas no seu programa como o reforzo do deber de restaurar que as empresas teñen en virtude da Lei de Minaría e a extensión dese deber durante todo o tempo que sexa necesario, mesmo se hai que manter a seguridade de instalacións en desuso; a prohibición de re apertura de minas pechadas ou abandonadas; a ampliación dos prazos de exposición pública en proxectos extractivos e a obrigatoriedade de usar linguaxe accesible e abandono de tecnicismos á hora de expoñer estes proxectos.

 

EQUO Galicia

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com