Novo incidente no centro de día municipal Antonio Gandoy. Unha muller anciá fuxía onte do centro e era atopada dúas horas despois na súa casa, na parroquia de Pedreda. Un feito que o voceiro do goberno, Miguel Fernández, cualificaba de “puntual”, ao tempo que lembraba que o centro vén de recibir un certificado ISO de calidade na atención ás persoas, e nese argumento se ampara para defender o bo funcionamento do servizo.
Fernández explicou que en canto o persoal do centro se decatou da ausencia da muller avisou aos corpos de seguridade e contactou coa familia, ao tempo que quixo deixar claro que “o centro funciona correctamente e o grao de satisfacción dos usuarios e as familias é positivo”.
Suma e segue para o PP
Pero para o grupo municipal popular este é un incidente que se suma a outros acontecidos nos últimos anos. O voceiro, Jaime Castiñeira, lembra que no 2013 un empregado do centro disparouse a si mesmo de forma accidental nunha perna, ou o caso das denuncias de malos tratos de ex traballadoras, xunto ás dúas fugas que se teñen rexistrado incluíndo a de onte.
Neste sentido Castiñeira denunciou que cada pouco tempo “estámonos atopando con incidencias moi graves”, e o que “deberían ser casos puntuais e excepcionais acabáronse convertendo en norma habitual que proban o descontrol deste Concello”.
O voceiro popular responsabiliza á edil de Servizos Sociais, Ana González e lembra tamén que no caso das denuncias por supostos malostratos, “a concelleira ou non sabe o que ocorre ou ben sábeo e mira para outro lado”, asegurando que González era coñecedora pero non lle deu o trámite oportuno.
Nese senso, o popular apelou á necesidade de darlles tranquilidade ás familias, “ás que poden entrarlles as dúbidas á vista destes feitos”, e para o que “a primeira medida é a apartar á responsable política para, a partir de aí, reforzar a seguridade do centro e o control sobre a xestión do Antonio Gandoy, que nos custa 350.000 euros anuais”.
Castiñeira tamén manifestou a súa preocupación polos perigos aos que estivo exposta esta muller na súa ausencia do centro, manifestando que “temos que estar agradecidos polo que puido pasar e non pasou” .