Hai veces en que queremos crer o que se di dende unha institución porque o tema nos afecta e queremos pensar que un problema está solucionado ou en vías de solución. Refírome á Escola Municipal de Música como problema, no caso de que os membros da Banda non puidesen exercer como profesores, cando son indispensables para o funcionamento da Escola.
En Lugo hai un Conservatorio de Música ao que asisten rapaces desde os oito anos, para recibir formación musical superior, iniciándose desde o primeiro momento na interpretación dos máis diversos instrumentos. E o Concello acertou cando creou unha Escola de Música no Uxío Novoneyra, no edificio do mercado de Quiroga Ballesteros, onde os rapaces desde os tres anos reciben “formación musical”, ou “provocación musical”, porque as ensinanzas que reciben son esencialmente de apertura de portas ao inmenso mundo da música, con xogos, movementos, cores, festa… e dese xeito o profesorado conquista moitísimos pequenos para gozar dos placeres incontables desta arte.
No Concello, xa hai anos, pensaron –con moi bo acerto- que se a institución ten unha Banda Municipal de Música, os coñecementos dos profesionais podían aplicarse á promoción musical, dedicando parte da súa xornada á formación musical.
O resultado é un continuo trafego de rapaces cargados de instrumentos musicais que dan vida ao vello caseirón de Quiroga Ballesteros, aos que pais e avós imos levar e buscar coa seguridade de que a música será moito máis ca un complemento perfecto para a súa formación integral, e que aínda que nunca cheguen a vivir da música, non importará porque o resultado que se pretende é que aos cinco sentidos do ser humano vaian incorporando un sexto sentido que fala de sensibilidade, de harmonía, de paz, nun linguaxe universal que a todos beneficia.
O Concello afirma que o problema se resolverá e que os profesores da Banda non terán que abandonar a Escola. E eu quero crer o que di o Concello, polo ben da Escola de Música, de todos os nenos ilusionados que alí estudian, e polos pais e polos avós que, día tras día, alí acudimos como nunha peregrinación na procura do paraíso. Musical, claro. E cada día conseguimos atopalo.