Máis de 1.500 alumnas e alumnos cursan ensinanzas en sete linguas diferentes que se imparten nas instalacións da Escola Oficial de Idiomas (EOI), emprazadas na ronda Músico Xosé Castiñeira da capital lucense.
Por orde de preferencia o inglés segue a ser a lingua con máis número de matriculados con 924 alumnos, seguida do francés (128), galego (126), portugués (108) e das ensinanzas en alemán (89), italiano (65) e chinés (31).
A escola lucense tamén acolle cursos monográficos en inglés e alemán, os preparatorios para o CELGA e o de linguaxe administrativa en galego, ata completar o número total de inscritos tanto na oferta de matrícula oficial (cursos presenciais) como na oferta libre (presentación a probas que acreditan o nivel).
Aínda que a escola emprazada na cidade de Lugo é o centro principal tamén existe unha segunda sección, dependente da lucense, no IES Gregorio Fernández de Sarria que, neste caso, conta con 51 matriculados adicionais, nos distintos niveis de inglés.
Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita ao centro da capital lucense onde puxo en valor o excelente labor que realizan as 45 persoas que compoñen o cadro de persoal da escola.
Balseiro deu a coñecer que a Consellería de Cultura e Educación inviste preto de 1,6 millóns de euros cada ano no sostemento desta escola, contía que tamén comprende os gastos propios da sección de Sarria. O groso do investimento está destinado a custos de persoal, aos que hai que engadir os habituais de mantemento.
“Coñecer idiomas cada día é máis necesario para acceder ao mercado laboral ou para mellorar as perspectivas profesionais, e por iso, as Escolas Oficiais de Idiomas ofrecen unha formación indispensable para desenvolverse na sociedade global, xa que o coñecemento de idiomas multiplica as oportunidades laborais e persoais”, asegurou o delegado