A Facultade de Veterinaria lucense será o escenario escollido para facer o acto de entrega do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que nesta edición se lle concedeu á Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo. A entrega do premio terá lugar o venres 16, a partir das 20 horas.
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño Rey e o fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, copresidirán unha cerimonia na que tamén participarán persoeiros dos eidos político, económico, social e cultural.
A Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo foi a vencedora desta edición, despois de que o xurado prestase especial atención ás candidaturas que xerasen postos de traballo de calidade no rural, que puxesen en valor os produtos da terra, recuperasen subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e que buscases a innovación tanto en produtos como métodos produtivos.
O veredicto final foi elixido por unanimidade por cumprir con todos estes requisitos e, ademais, pola longa traxectoria na formación de homes e mulleres que participaron cos seus coñecementos na mellora do mundo rural e polos proxectos de investigación que desenvolven nese mesmo senso.
A Escola Politécnica de Lugo será dotada con 10.000 euros e recibirá o seu diploma e os honores correspondentes nunha gala que terá lugar o vindeiro 16 de febreiro. No transcurso do acto será José Rafael Marqués da Silva, profesor de
Engenharia Rural da Universidade de Évora (Portugal), quen ofreza a conferencia Manexando cultivos con imaxes satelitais.