A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou hoxe nunha actividade desenvolvida polo colexio San José para loitar contra os estereotipos de xénero co obxectivo de que os nenos máis pequenos coñecesen en primeira persoa a mulleres que ocupan profesións e cargos que xeralmente se asocian a figuras masculinas.
Os nenos interesáronse sobre cal é o traballo da Alcaldesa e tiveron a ocasión de preguntarlle sobre todo tipo de temas relacionados coa cidade. Nos traballos previos dos profesores cos escolares, estes definiron a figura do alcalde/alcaldesa como unha persoa “que é como o Rei porque manda”, “leva traxe” e “vai aos partidos de fútbol e voleibol”. Lara Méndez explicoulles que as nenas poden conseguir “todo o que se propoñan” ao igual que os nenos.
Ademais da rexedora, tamén acudiron á actividade unha xuíza, unha adestradora e unha futbolista.