A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, tomou parte hoxe nunha nova actividade programada para este curso escolar na provincia pola Garda Civil dentro do Plan Director para a Convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos. Os actos, que tiveron lugar na praza do Conde de Fenosa, en Portomarín, consistiron nunha exposición de medios e demostracións e contaron coa participación de ao redor de 200 escolares de centros educativos dos municipios de Portomarín, Paradela e Guntín.
A subdelegada do Goberno estivo acompañada polo director da alta inspección de Educación da delegación do Goberno en Galicia, Manuel Regueiro, e o tenente coronel xefe accidental da Comandancia de Lugo, Carlos Freire, así como polo alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, e polas respectivas direccións dos centros escolares participantes.
Isabel Rodríguez destacou a importancia de dar a coñecer á toda a sociedade, sobre todo aos mozos, os distintos servizos que presta a Garda Civil. Ademais, a subdelegada do Gobeno agradeceu a implicación das forzas e corpos da seguridade do Estado para facer posible cada curso académico a celebración de numerosas actividades que se desenvolven nos distintos centros educativos da nosa provincia dentro do Plan Director para a Convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas.
Nos actos, celebrados durante gran parte da mañá, tomaron parte uns 200 alumnos de 3 a 16 anos cursos do CEIP Virxe da Luz de Portomarín, o CPI Tino Grandío de Guntín e o CEIP San Miguel de Paradela. Os estudantes tiveron ocasión de asistir a distintas exhibicións como a que realizaron especialistas de montaña do instituto armado, que simularon un rescate en alta montaña.
Nesta actividade, a última que se realiza na provincia neste curso académico, participaron diferentes especialidades da Garda Civil en Galicia, tales como a Unidade de Helicópteros, o Grupo de Actividades Subacuáticas, Especialistas de Montaña, Escuadrón de Cabaleiría, Ebyl, Servizo Cinolóxico, Agrupación de Tráfico, Seguridade Cidadá, Servizo de Sanidade, Servizo de Intervención Rápida, Servizo de Protección da Natureza e Laboratorio de Policía Xudicial.
En total, participaron nestas actividades uns 50 axentes das distintas especialidades.