Esgotados en tempo récord os abonos para o Resurrection Fest, o festival de música metal e rock máis importante de España, e que contou co apoio de Deputación de Lugo e Concello de Viveiro dende a 1ª edición. Grazas ao acordo de colaboración entre o Concello e a organización, os viveirenses poderán participar neste macro evento á metade de prezo, xa que contan co 50% de desconto nas entradas. Nos vindeiro días poranse á venda as entradas de día para a que é a edición número 14. Máis información en www.resurrectionfest.es.
Cómpre lembrar que o Goberno Provincial converte á Deputación na institución que máis colabora co Resurrection Fest cunha achega de 130.000 euros. Pola súa parte, o Concello de Viveiro cede os terreos para a organización do festival e pon a disposición dos usuarios o cámping gratuíto en Covas (con servizos de baños, duchas e buses) e o Mirador de San Roque (que tamén conta cunha gran zona de aparcamento). Pola súa banda, o ano pasado, a Xunta de Galicia achegou, a través de AGADIC, 50.000 euros logo de que o Resu participara nun proceso de concorrencia competitiva. É dicir, a achega provincial case triplica a do Goberno Galego, que ten as competencias directas e un orzamento 100 veces maior.
Máis de 81.000 persoas de 42 países abarrotaron o ano pasado o Concello de Viveiro co Resurrection Fest, xerando uns 2.000 empregos directos e indirectos, e sen ocasionar ningún tipo de incidente durante os catro días que durou a cita, o que converteu á pasada edición en todo un éxito. O Festival é un importante retorno económico para o Concello de Viveiro, que esgotou tanto as 2.000 prazas hoteleiras como as 12.000 de cámping municipal; para a Comarca da Mariña, pois moitas das localidades limítrofes recibiron visitantes; así como para o conxunto do territorio lucense.