España limita ao norte…

Cando era neno, e o mapa era o único xeito de contemplar España, a imaxe que os rapaces percibíamos era a de que o territorio español comprendía a totalidade da península Ibérica, tendo que ir logo encaixando a realidade de que ao oeste tiñamos ao veciño Portugal, nos Pirineos o Principado de Andorra e -o máis difícil- ao sur, o inglés Peñón de Gibraltar.

España limitaba ao norte co Mar Cantábrico e os Pirineos, que nos separaban de Francia. Agora, non sei, porque se escoitamos as predicións meteorolóxicas das cadeas xeneralistas resulta que en España leva mes e medio reinando un permanente bo tempo con elevadas temperaturas, anunciando como boa noticia cando os rigores climáticos se atenúan.

Despois do comentario xeral, como se non fósemos España, contan que Galicia rexistra unha nubosidade permanente con baixas temperaturas, polo que cando España suspira porque se templen os rigores, na aparentemente non España laiamos polo esquivo sol para que nos quente os ánimos.

Eses mesmos medios lonxanos (canto máis oficiais, peor) adoitan pronunciar os nomes cataláns con todos os “t” precisos mentres teñen tremendas dificultades co “x”, atravesándoselles os nomes en galego, nomeadamente Ourense e Sanxenxo.

Non quero pensar que forme parte dun plan para arredar as nacionalidades periféricas porque con Cataluña e Euskadi hai un trato exquisito, mentres Galicia segue quedando lonxe, climática e lingüisticamente. Pero non temos présa, e sabemos que nalgún momento, mesmo cando outros lugares intenten desmarcarse, eses medios xeneralistas entenderán que este pais, alomenos oficialmente, segue a ser parte de España.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com