O espazo cultural Nova Escola (pr. Viana do Castelo, 1), dirixido polo músico lucense, Carlos Lorenzo, vén de presentar unha nova actividade dinamizadora esencial para os amantes da música tradicional e, sobre todo, da zanfona.
O curso de iniciación á zanfona que promove e organiza Nova Escola, será dirixido polo músico Óscar Fernández (Bonovo, Os Cempés…) e está pensado para todo aquel que desexe achegarse a este tradicional instrumento pero que non teña coñecemento nesta materia. Segundo aseguran dende a escola non é preciso ter estudos musicais.
Este obradoiro de iniciación dura catro horas e dará a coñecer aos alumnos o mecanismo e o funcionamento da zanfona, sen necesidade de ter unha propia pois a propia escola cederá, durante o curso, a cada alumno un destes instrumentos para que poida coñecer de primeira man os entresixos da zanfona.
As prazas deste obradoiro, que terá lugar o martes 27 de marzo de 16.30 a 20.30 horas, son limitadas a 8 alumnos polo que, dende a escola, instan a apuntarse canto antes. Asemade, recomendan, para todas aquelas persoas que xa coñecen e tocan este instrumento, o curso de Anxo Pintos e Jaime Rebollo, no Centro Daigaku.