Dá comezo a última semana do Entroido na cidade de Lugo e moitas son as actividades que aínda lle quedan aos lucenses para celebrar estas festas de rúa. A edil titular da área de Cultura e Turismo do Concello de Lugo vén de destacar esta mañá a “gran implicación e participación da veciñanza nos primeiros días de festa” e anima a todos os veciños a continuar participando “nas actividades que terán lugar de aquí ao mércores e a colaborar en revitalizar” o Entroido de Lugo.
O martes 25 comezará co espectáculo itinerante de rúa para público familiar Le Petit Circ dende a praza de San Marcos ata a praza Maior. Ás 13:00, Raíces do Campo actuará polo recinto histórico. A partir das 19:00, a charanga Paradela percorrerá o recinto histórico
A partir das 17:00 terá lugar o Gran Concurso de Disfraces (adultos). Os participantes deberán concentrarse na praza da Soidade media hora antes do desfile, que presidirá a charanga Paradela, e percorrerá as rúas Antón Fraguas, Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Raíña e rematará na Praza Maior. O xurado, que estará formado por persoas de recoñecido prestixio e vinculación coa cultura, repartirá premios en categorías individual (500, 300 e 200 euros, e tres premios de 50 euros), parellas (600, 400 e 300 euros, xunto con 5 premios de 100 euros) e comparsas (1.100, 800, 600 euros, e 7 premios de 200 euros).
O mércores 26 terá lugar o Enterro da Sardiña. Ás 19:00 o quiosco da música da praza Maior acollerá o Velorio da Sardiña. Todas as persoas que queiran acompañar á familia no Velorio están convidadas. Así mesmo, poderán deixar constancia da súa pena no libro de firmas. Ás 19:30 a Santa Compaña fará un percorrido pola praza Maior cantando miseres en latín, e achegarase ao Velorio para apoderarse da ánima da Sardiña. Ás 20:00 comezará o Enterro da Sardiña. O cadaleito sairá do quiosco para se incorporar á procesión no Circulo das Artes e percorrerá diferentes rúas de Lugo, con paradas na praza do Campo e da Soidade, ata rematar na praza Maior, onde se lerán os ferretes.