Esquerda Nacionalista o partido do que fora presidente Xosé Manuel Beiras, ven emitir un comunicado, en apoio do hoxe líder de Anova que reproducimos a continuación:
Manifesto da militancia de Esquerda Nacionalista
Os homes e mulleres de Esquerda Nacionalista, logo dunha análise pormenorizada da situación política actual, manifestan:
- Nas vindeiras eleccións ao Parlamento Galego, o País precisa dunha ferramenta política de seu, que aglutine o maior número de vontades na defensa dos intereses sociais, económicos e políticos propios.
- Neste sentido, dende as nosas máis profundas conviccións nacionalistas, entendemos que o momento histórico que vivimos esixe de xenerosidade para acadar o maior consenso posíbel arredor dunha alternativa política: ampla, plural, e que teña sempre a Galiza como norte.
- Por todo isto, consideramos que é o momento da unidade de acción e que nesta altura só existe un formato suficientemente integrador que se concreta na estrutura aberta das Mareas, onde ademais sobresae a figura incontestábel de Xosé Manuel Beiras, líder indiscutíbel do nacionalismo galego, e referente ético e moral para unha sociedade que procura a xustiza social e a defensa do noso ser diferenciado.
- En consecuencia co anteriormente exposto, declaramos pois a nosa intención de entrar a formar parte de esta iniciativa ao tempo que convidamos á Galiza silente, aos homes e mulleres de este país que como nós senten a necesidade de contar con ferramentas propias, a que se sumen a esta iniciativa, a de construír un mellor lugar, un mellor país.