Esquerda Unida amosa o seu apoio a Carlos Portomeñe ante o xuízo pola querela por inxurias de Orozco

A agrupación de Esquerda Unida vén de remitir unha misiva aos medios coa que pretenden facer chegar o seu apoio ao ex edil Carlos Portomeñe, que se enfronta a un xuízo pola querela presentada  polo ex alcalde socialista Xosé López Orozco.

Na carta da formación política repásase a cronoloxía que levou a Portomeñe a denunciar ao ex rexedor de Lugo e, tamén, a Orozco a presentar unha querela contra Portomeñe.

Foi en 2009 cando Carlos Portomeñe denunciaba ante a Fiscalía o “pelotazo urbanístico” que se pretendía levar a cabo nos terreos contiguos ao Campo de Golf da cidade. Un lugar onde se tiñan recalificado máis de 500.000 metros cadrados de solo rústico de especial protección agroforestal e agropecuaria como solo urbanizable. Un feito que hoxe en día é parte dunha causa aberta sobre corrupción urbanística relacionada co PXOM no Xulgado de Instrución Nº2 da cidade de Lugo.

A finais de 2015 o grupo municipal ACE-EU, do que Carlos Portomeñe era voceiro, destapou, que efectivamente o devandito PXOM se tramitara de xeito fraudulento durante os sucesivos mandatos de López Orozco, baixo a dirección do cal tamén tiveron lugar tanto a recalificación da contorna do Club de Golf como a autorización da construción das Torres do Garañón, “o maior atentado urbanístico da historia de Lugo, polo que están imputados o mesmo Orozco e o ex concelleiro de Urbanismo Gómez Besteiro”.

Un ano despois, en 2016, Portomeñe era chamado a declarar como testemuña no procedemento de instrución das recalificacións dando a coñecer á xuíza as infraccións urbanísticas que se cometeran e as relacións de parentesco entre a edil de Urbanismo naquel momento e a empresa promotora da operación do Campo de Golf.

A este respecto, o ex alcalde López Orozco, tamén en 2016, interpoñía unha querela por “inxurias e calumnias” contra Portomeñe, un feito que dende a agrupación de EU consideraron sempre “unha clara manobra de intimidación e un descarado intento de frear a súa persistente labor de denuncia da especulación inmobiliaria e da corrupción urbanística”. A Fiscalía e diferentes xuízas interesaban o arquivo de dita querela pero a Audiencia Provincial ordenou a apertura de xuízo oral contra o ex concelleiro de ACE-EU.

“Faise evidente que se está a levar a cabo unha persecución contra Portomeñe, ao que Orozco lle reclama 60.000 euros simplemente por cumprir co seu deber ético e legal de denunciar publicamente as irregularidades na ordenación urbanística de Lugo”, denuncia a formación política que sinalan a “persistencia” de Orozco por buscar unha condena contra Portomeñe o que, segundo aseguran “evidencia a desesperación de quen se sabe cun pé no banquiño dos acusados”. A instrucción do Caso Garañón xa está rematada e todo apunta a que Orozco poderá ser formalmente acusado con posibilidade dunha pena de cárcere por un grave delito contra o territorio.

As representantes de Esquerda Unida están habituadas ás imputacións por inxurias e calumnias, xa que “semella o mecanismo habitual dos corruptos para amedrentar ás persoas denunciantes de corrupción”. O Código Ético da formación, lembran, obriga no seu punto séptimo a “Denunciar ante a Fiscalía e colaborar coa Xustiza aportando calquera dato de corrupción que coñezan no exercicio das súas responsabilidades como cargos públicos” e no seu punto oito a “Asumir ou esixir as responsabilidades políticas en casos de corrupción, con dimisión cautelar dos cargos públicos e cargos de libre designación en caso de imputación e procesamento por delitos de corrupción política ou urbanística“.

“Carlos Portomeñe –aseguran- limitouse en todo momento a cumprir a literalidade do compromiso ético da súa organización política, así como os deberes que o obrigaban como cargo público. Non deixa de resultar paradóxico que se castigue a quen desempeña a súa labor pública de xeito honrado mentres que ao ex alcalde Orozco, con varias imputacións por corrupción, se lle acabe de premiar coa Medalla de Ouro da cidade de Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com