Esquerda Unida e Alternativa Cidadá de Esquerdas defenden a república federal como saída á crise política estatal

As agrupacións locais de Esquerda Unida e Partido Comunista de Galicia celebraron este mediodía xunto ao grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas a conmemoración do 88 aniversario da proclamación da II República na Praza da Soidade, cunha ofrenda floral e a lectura dun manifesto a cargo do voceiro de ACE-EU e candidato á alcaldía de Lugo, Carlos Portomeñe. O concelleiro afirmou  que esta “é unha ocasión obrigada de render un merecido homenaxe a todas aquelas persoas que defenderon a democracia fronte ao golpe de estado fascista de 1936. Sen embargo, isto seguirá sen ser posible mentres miles delas e deles sigan desaparecidas e desaparecidos e os seus restos agochados en cunetas e fosas indignas. Mentres que o Estado non asuma a súa responsabilidade de buscar e atopar aos represaliados, mentres non cumpra cos convenios e tratados internacionais ante un dos maiores xenocidios contemporáneos, non poderemos pasar esta páxina da historia. Dende Esquerda Unida, o PCG e Alternativa Cidadá de Esquerdas volvemos esixir Verdade, Xustiza e Reparación”.

Portomeñe lembrou que “chegamos a este 14 de abril tras un ano intenso no político, no económico e no social. Seguimos inmersos nunha crise que afecta a importantes sectores sociais e con especial crudeza ás mulleres e á mocidade. Estanse a intensificar as políticas neoliberais contra a clase traballadora e a defensa de ideas reaccionarias, excluíntes e de odio como falsa solución aos problemas económicos da poboación. É unha prioridade para nós traballar para unir ao pobo e á maioría social traballadora, para avanzar nunha auténtica unidade popular. A solución á crise pasa por crear un bloque político e social alternativo, inclusivo e tolerante, rupturista e republicano”. Por iso defenden que a República é a única saída para a inmensa maioría da poboación e para todos os pobos do Estado. “Defendemos a República como resposta ás necesidades da maioría social traballadora e do pobo. A III República é a saída á crise económica e social e á involución reaccionaria da política de todo o Estado”, remarcou o voceiro de ACE-EU.

No acto tamén participou a cabeza de lista por Lugo da candidatura de En Común Unidas Podemos ao Congreso, Vanessa Somoza que reiterou “o noso compromiso de traballar de forma constante pola fin do réxime monárquico do 78 e manifestamos a nosa firme defensa dos valores republicanos de Xustiza, Igualdade, Feminismo, Laicidade, Cultura e Solidariedade”. A candidata sinalou que para conseguilo “é fundamental que neste ciclo electoral (xerais, autonómicas, europeas e municipais) os votos das persoas traballadoras non vaian aos inimigos do progreso social e as liberdades, senón ás candidaturas nas que concorra Esquerda Unida, que serán as verdadeiras defensoras dos intereses da maioría social traballadora”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com