Coa presentación dunha demanda no tribunal Contencioso-Administrativo por parte do Banco de Santander, o proxecto de derribo do Garañón quedou suspendido “sine die”. Ante este novo retraso Chus Rodríguez, candidata á Alcaldía de Esquerda Unida e Podemos Lugo ven de denunciar, logo de coñecer a noticia de que o citado banco acudía ao xulgado para paralizar o derribo do Garañón, “o prexuízo que isto supón para a nosa cidade”.
Despois de anunciar o derribo desta construción, incidía a candidata de EU-Podemos, “ este proxecto encargado á empresa pontevedresa Xestión Ambiental de Contratas por 578.035 euros que sairían do peto público”. E continuaba “a realidade é que neste mandato Lara Méndez non vai poder darlle ao botón de derribo e igual tampouco no seguinte, pois é posible que teña que deixar o bastón de mando”.
A comezos do ano 2017, o Tribunal Superior de Xustiza de Lugo anulou a ordenación urbanística das unidades onde se atopan as torres de O Garañón, logo de que anteriormente xa foran declaradas ilegais as súas licencias.
Dito edificio “nin sequera se axustaba ao que permitía a licencia outorgada polo propio Concello de Lugo”. Subliñaba a candidata á alcaldía por EU-Podemos ao Concello de Lugo.
Como resaltaba Rodríguez, “desde tempo antes e tamén posteriormente, Esquerda Unida e Podemos, denunciamos as múltiples irregularidades e malas actuacións en torno a dito proxecto urbanístico”.
Pero isto, segundo afirma Chus Rodríguez, “é un paso máis na carreira á contra para non demoler estes edificios, pois acaba de confirmarse tamén que é necesaria a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para poder levar a cabo ese traballo e este órgano dispón de tres meses para autorizar ou denegar o derribo”.
A candidata da coalición, Chus Rodríguez remarca que “resulta clamoroso o doado e gratuíto que sae cometer infraccións urbanísticas e o difícil e complexo que é repoñer a legalidade, por recursos da banca e obstaculizacións varias nunha espiral burocrática paralizante”.
Rodríguez engadiu
que esa banca é “A banca que desafiuza das casas, a dos fondos voitre, a que sempre é rescatada polos gobernos de dereitas, a que sube os tipos de interese, agora preséntase como vítima perante os xulgados para paralizar o derribo deste grotesco símbolo da especulación urbanística.” Rematou.