Esquerda Unida pide a Lara Méndez que o Concello peche locais e clubs de alterne

O 25 de novembro conmemórase o día internacional para a eliminación da violencia contra a muller e dende Esquerda Unida Lugo queremos pedirlle ao Concello de Lugo o peche dos locais e clubes de alterne, como unha forma de loitar para erradicar esta outra forma de violencia contra a muller. Lugo é unha cidade libre de trata: Segundo a Resolución do Parlamento Europeo, de 26 de febreiro de 2014, sobre explotación sexual e prostitución e o seu impacto na igualdade de xénero (2013/2103(INI)): A prostitución e a prostitución forzadas son un fenómeno cun compoñente de xénero e de dimensión mundial que afecta en torno a 40 – 42 millóns de persoas en todo o mundo, sendo a inmensa maioría das persoas prostituídas, mulleres e nenas e case a totalidade dos usuarios, homes e que, polo tanto, é ao mesmo tempo causa e consecuencia da desigualdade de xénero. A prostitución, como forma de desigualdade, ten un efecto na posición social das mulleres e os homes na sociedade, así como na percepción das relacións sexuais e afectivas entre mulleres e homes. Toda política relativa á prostitución repercute na consecución da igualdade de xénero, afecta á comprensión das cuestións de xénero e transmite mensaxes e normas á sociedade, incluida a mocidade; as investigacións sobre os usuarios de servicios sexuais amosan que os homes que pagan por sexo teñen unha imaxe degradante da muller; o Parlamento Europeo suxire, por conseguinte, ás autoridades nacionais competentes que a prohibición de mercar servicios sexuais vaia acompañada dunha campaña de sensibilización dos homes e mozos. É unha evidencia que os mercados de prostitución alimentan a trata de mulleres e crianzas, como así o confirma o informe elaborado en 2006 por Sigma Huda, Relatora Especial de Naciones Unidas sobre a trata de persoas, que destaca o impacto das políticas sobre prostitución na extensión da trata de seres humanos. Ademais, é preciso considerar que a trata serve como recurso para abastecer de mulleres y menores   e idade os mercados da prostitución; Polo tanto, o Parlamente Europeo recoñece que a prostitución, a prostitución forzada e a explotación sexual son cuestións cun grande compoñente de xénero e constitúen violacións da dignidade humana contrarias aos principios dos dereitos humanos, entre eles a igualdade de xénero, e, por tanto, son contrarias aos principios da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, incluído o obxectivo e o principio da igualdade de xénero; Ademais, segundo o Convenio para a represión da trata de persoas e da explotación da prostitución allea, ao que o Estado español se adheriu o 25 de setembro de 1962 e a Resolución do Parlamento Europeo, do 26 de febreiro de 2014, sobre explotación sexual e prostitución e o seu impacto na igualdade de xénero, consideran que a prostitución é incompatible coa dignidade das mulleres e contraria aos principios dos dereitos humanos, entre eles, a igualdade de xénero. Neste sentido, no ano 2016, o grupo municipal ACE-EU presentou unha moción ao Pleno do Concello de Lugo, propondo a adhesión do noso Concello á rede de cidades libres do tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución. Nesta moción o noso grupo municipal xa esixía ao Goberno Central e á Xunta de Galicia unha aplicación efectiva e real da Lei perseguindo o tráfico de mulleres e crianzas, e aos proxenetas; así como se instaba ao Concello de Lugo a habilitar unha partida orzamentaria concreta para facilitar o apoio económico e da inserción social e laboral dirixida a calquera muller prostituída que queira deixar de selo. Dita moción foi aprobada como Acordo Plenario do Concello de Lugo o 25/02/2016. É precisa unha revisión e control do correcto uso das licencias: Dado que moitos clubs de alterne funcionan con licencias de locais de hostalería (pub, cafetería, hotel…), instamos ás autoridades competentes, para que en coordinación coa inspección de traballo, sanitaria, e a Policía Local, procedan a un exhaustivo control e supervisión de que neses clubs se exerce exactamente a actividade para a que teñen concedida dita licencia e non outra, e que procedan ao seu inmediato peche, sen óbice das outras preceptivas sancións que correspondan, a ditos locais polos seus incumprimentos. Recollendo actuacións que xa tiveron lugar noutros Concellos da nosa mesma provincia de Lugo, instamos ao Concello de Lugo a promover unha pormenorizada revisión das licencias dos locais de Lugo onde se está a exercer a prostitución e proceder ao seu inmediato peche. Vivimos nunha situación de emerxencia sanitaria por mor da Covid 19: O propio Parlamento Europeo, que antes citamos, subliña na súa Resolución de 2014, que as persoas prostituídas son especialmente vulnerables desde o punto de vista social, económico, físico, psíquico, emocional e familiar e corren máis risco de sufrir violencia e danos que en calquera outra actividade; máxime na situación de emerxencia sanitaria que estamos a vivir este ano por mor da pandemia da Covid 19. O 25 de agosto de 2020 Esquerda Unida instaba á Xunta ao peche dos locais de prostitución e que dotara de recursos de carácter urxente tanto económicos coma habitacionais para evitar que as mulleres prostituídas caeran no absoluto desamparo social. A situación de alerta sanitaria motivada pola pandemia da Covid 19, coloca nunha situación de especial vulnerabilidade á realidade dos locais de prostitución, onde, pese ao coronavirus, segue a existir a posibilidade de que os clientes acudan poñendo en perigo a saúde das mulleres en situación de prostitución, así coma a do resto da comunidade ao poder contaxiarse e actuar coma vectores da enfermidade nas súas contornas sociais; sendo ademais casos, polas súas características, de difícil rastrexo. Ao mesmo tempo, estas mulleres tamén están expostas a quedaren desprotexidas e sen recursos, en moitos casos incrementando as débedas cos proxenetas e polo tanto, aumentando a dificultade para saír da situación de prostitución. Algunhas Comunidades Autónomas, coma é o caso de Castela A Mancha veñen de asumir a reclamación que fixo Izquierda Unida e outros colectivos sociais, do peche destes establecementos para evitar a propagación do virus, sendo aprobado e publicado no boletín oficial desa Comunidade o pasado día 22 de Agosto. Esquerda Unida, nesa mesma demanda á Xunta, anunciaba, ademais, a presentación de mocións nos diferentes Concellos en apoio á esta demanda, a cal presentamos hoxe perante o Concello de Lugo. Así, en base a todo isto, considerando que: – A prostitución, a prostitución forzada e a explotación sexual son unha forma de violencia de xénero, que constitúen violacións da dignidade humana contrarias aos principios dos dereitos humanos. – Lugo está adherida á rede de cidades libres de tráfico de mulleres, nenas e nonos destinados á prostitución, por acordo plenario de 25 de febreiro de 2016, trala moción presentada por ACE-EU. – A situación de emerxencia sanitaria provocada pola pandemia da Covid 19, que coloca nunha situación de especial vulnerabilidade, expostas á infeccións e contaxios ás mulleres prostituídas, e co risco da propagación de gromos pola nosa cidade e contorna. – Recentemente Esquerda Unida presentou xa unha demanda perante a Xunta de Galicia para o peche dos locais de alterne dada a situación sanitaria da Covid 19, sen obter aínda unha resposta afirmativa. – Recentemente, comunidades como a de Castela A Mancha, aprobaron o peche destes establecementos para evitar a propagación do virus. – Constan recentes actuacións que xa tiveron lugar noutros Concellos da nosa mesma provincia de Lugo, da revisión de licencias destes locais chegando a pechar algún deles por non exercer a actividade para a que teñen concedida. – Parece evidente que nos últimos tempos, hai unha especial sensibilidade entre múltiples colectivos sociais, políticos e diferentes administracións sobre a necesidade de peche dos locais onde se exerce a prostitución, que ven de moitos anos de traballo e loita feminista en prol dos dereitos das mulleres prostituídas a outro medio de vida alternativo, que garanta o respecto aos dereitos humanos, que estoupou nos últimos meses, quizais en parte debido á situación de maior vulnerabilidade e risco sanitario tralo estalido da pandemia da Covid 19. Por todo isto, instamos ao Concello de Lugo a proceder á revisión das licencias dos clubs de alterne e, ademais, considerando a actual situación sanitaria, e para facer efectivo que Lugo é unha cidade libre de trata e sen prostitución non hai trata, loitando deste xeito contra a desigualdade e violencia de xénero, instamos tamén ao Concello de Lugo a proceder ao inmediato peche dos clubs e locais de alterne do Concello de Lugo.

En Lugo, a 4 de decembro de 2020

M.ª Jesús Rodríguez Rodríguez.  Secretaria de Organización de Esquerda unida de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com