Esquerda Unida presentou ante a sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo a solicitude de nulidade do auto de pasado 11 de abril no que se sobresía a causa e arquivaban as actuacións referentes á investigación dun delito electoral presuntamente cometido por altos cargos do Partido Popular lugués, ao carrexar votos de persoas anciás e impedidas residentes no asilo Hogar de San Roque.
Esta petición de nulidade, previa ao recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, baséase no que se considera unha aplicación arbitraria da normativa legal, que vulnera directamente o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva en relación a garantir outro dereito tamén fundamental, o de participar nos asuntos públicos por medio de representantes libremente elixidos.
Neste senso, o escrito presentado por Esquerda Unida expón que o auto emitido pola Audiencia Provincial realiza unha aplicación do dereito arbitraria, que ten como resultado a conclusión de que os feitos que constan acreditados, non son constitutivos, nin sequera con carácter indiciario, de delito.
Con este argumento, a Audiencia ditaminou o sobresemento provisional, por considerar “non debidamente xustificada a perpetración do delito que deu motivo á formación da causa”, a pesares de recoñecer no propio auto que os feitos denunciados dende a agrupación comarcal de Esquerda Unida Lugo, que o mesmo tribunal cualifica de reprochables ética e socialmente, quedaron acreditados con probas documentais e gráficas.
Esquerda Unida denunciara ao PP de Lugo despois de que o entón deputado de AGE, Ramón Vázquez, e o entón coordinador de Esquerda Unida de Lugo, Carlos Portomeñe, fosen testemuña de ver chegar a monxas e aos membros do PP de Lugo, José Luís Iravedra, Teresa Taboada, Serafín Rodríguez e Benigno Gómez, levando ás persoas do asilo a votar portando a súa papeleta nun sobre pechado desde a saída da residencia.