Esta fin de semana, en O Vicedo

Hai anos, de broma, o xornalista e amigo Ernesto Sánchez Pombo, vicedense por residencia e convicción, comentábame que non se debían facer loubanzas públicas dos recursos naturais de O Vicedo para evitar masificación, porque os habitantes daquel especial lugar estaban moi a gusto medio esquecidos polos medios, desfrutando dunha tranquilidade absoluta e dun paraíso natural que os daquel concello tiñan ben gañado.

Pero os paraísos acaban sendo coñecidos, e xa fose polo excepcional paraxe do Fuciño do Porco, a gastronomía na que a coquina é o elemento máis destacado, ou pola Romaxe Viquinga, na que andan empeñados en facer que sone por toda Galicia, o certo é que o Vicedo segue a ser un paraíso que quere asomarse ao exterior para que os do exterior se acheguen a O Vicedo.

Tiven a oportunidade de asistir o pasado venres no Pazo de San Roque de Santiago, á presentación oficial da IV Romaxe Viquinga de O Vicedo que a próxima fin de semana se vai celebrar na praia de San Román. Un aguerrido grupo de viquingos autóctonos acudiu a Santiago cos seus impresionantes atavíos, capitaneados polo Alcalde, Jesús Novo, armador que en canto se xubilou deixou de cobrar do concello polo que traballa en dedicación exclusiva. Non só se vestiron eles de viquingos senón que de viquingos vestiron a Valentín García, proa da Xunta de Galicia no eido do idioma e a Nava Castro, rella que abre o camiño do turismo galego, acudindo despois a Lugo para tamén poñer hábito invasor a José Manuel Balseiro, Delegado da Xunta.

Poñen tal fervor nas súas presentacións, que estou seguro que a festa será un éxito total e levará a O Vicedo, a terra onde o Sor se convirte en mar, moitos devotos dos pobos que teñen especiais recursos e saben aproveitalos.

Porque está claro que O Vicedo aposta por ser coñecido fóra dos seus límites naturais, e cando lle comentei ao Alcalde a sorte que tiña por residir no seu concello un periodista do prestixio de Sánchez Pombo iluminóuselle a cara e comentoume que Ernesto fóra o pregoeiro da festa non só unha vez senón dúas, proba da implicación nesta acción exterior. En fin: que esta fin de semana, o que queira saber porque os viquingos non deron entrado en O Vicedo, como presumiu o Alcalde, acuda aló e entre no Paraíso.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com