Unha veciña de Lugo enfróntase a unha pena de prisión de seis meses a un ano a retirada do permiso de conducir un máximo de catro anos tras entrar ebria na comisaría da Policía Local logo de estacionar o seu vehículo nun lugar reservado para vehículos do corpo de seguridade.
Os feitos tiveron lugar sobre ás 2 da madrugada do pasado 17 de abril cando a muller entrou nas dependencias da Policía Local de Lugo, logo de estacionar o seu vehículo en lugar reservado para vehículos policiais, presentando “signos evidentes de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas e/ou drogas”. A muller diríxese ao policía de servizo manifestando que vén dicir algo que non dá explicado con claridade, tal era a embriaguez que presentaba, que segundo explica o comunicado policial “a súa fala era pastosa, deambulando cara adiante, cara atrás e lateralmente de forma constante, rexeitando asistencia médica”.
A muller é conducida á Unidade de Atestados do Corpo onde se lel require, como condutora, para realizar as probas de detección alcohólica e test de drogas, á que está obrigada; negándose a realizala segundo afirma a Policía Local. Unha vez informada das consecuencias penais de tal negativa, instrúense dilixencias por dous delitos contra a Seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, un por conducir un turismo baixo a influencia de bebidas alcohólicas, drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas e outro por negarse a someterse ás probas legalmente establecidas para a comprobación das taxas de alcoholemia ou a presenza de drogas no organismo.
O vehículo foi retirado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal, onde queda inmobilizado e a condutora foi proposta para sanción de 500 euros por infracción á Lei de Saúde de Galicia por transitar entre as 23:00 e as 6:00 horas sen causa xustificada.
Como este día a condutora negouse a recoller a citación para xuízo rápido, os axentes trasládanse ao día seguinte ao seu domicilio, entregándolla e quedando ela ao tanto do contido da citación e observando que aínda presenta signos incompatibles coa condución. Como pretendía volver ausentarse conducindo o seu vehículo, procédese novamente á súa retirada polo servizo de guindastre quedando inmobilizado no Depósito Municipal, confeccionando proposta de recoñecemento médico extraordinario á Xefatura Provincial de Tráfico, por se fose conveniente revogar a autorización administrativa que posúe, pois dita persoa non se atopa en condicións de manexar vehículos polas condicións físicas nas que se atopa.
Pola negativa, a condutora enfróntase a unha pena de prisión de seis meses a un ano e privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.