O XXVII Dúatlon de Lugo-Memorial Alejandro López celebrarase este domingo con máis dun cento de duatletas. O Concello de Lugo colabora con FeFeme Tríatlon do Miño nesta proba deportiva, posto que se enmarca na aposta da entidade local por fomentar a práctica deportiva ao tempo que se impulsa a cidade de Lugo.
A competición, segunda etapa do circuíto galego e con prazas en xogo para poder disputar o campionato galego, dará comezo ás 10:00 horas do domingo dende o interior do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Nese punto estará instalada unha atípica transición a cuberto, para facer o cambio de disciplina da carreira a pé, que percorre o paseo fluvial do Miño, ao ciclismo, que circula desde polos arredores do Anxo Carro e a estrada a Ombreiro.
En total, o Dúatlon de Lugo, que homenaxea ao deportista e directivo do Cidade de Lugo-Fluvial Alejandro López, consta dun primeiro segmento de 5 km de carreira a pé, un sector ciclista de 20 km e un último treito a pé de 2,5 km. As saídas masculinas terán lugar ás 10:00 horas, sen corte, e 11:20, con corte. A feminina terá lugar ás 11:30 horas.