A delegación de Lugo de ADEGA da comezo este domingo o programa de roteiros 2022/23 que leva por título “Depredación da natureza ou autosuficiencia”.
O programa inaugurase no Courel e da comezo co roteiro “O Courel revive sempre”. Orlando Álvarez será quen guíe nesta andaina na que se fará unha parada dende o Alto do Couto para achegarse ata o Chan da Rogueira, dende onde se cruzará a Devesa polo Carreiro dos Dez Regueiros, ata sair pola louseira dos Carrís ao Val de Ferreirós. Continuarase ata o miradoiro de Pico Polín, entre o Courel aburado e os eidos librados do lume. E o descenso será pola Serra da Lomba ata coller o Camiño de Parada nas Chas. Xa en Parada haberá unha visita a Fundación Uxío Novoneyra e un encontro con Juan de Vilar.
O percorrido ten unha lonxitude de 9 Km (3-4 horas) e de dificultade media.
O programa de roteiros
– 16 de outubro. “O Courel revive sempre” (O Courel)
– 20 de novembro: “ O corazón da Galiza. Biodiversidade, auga e terra” (A Ulloa)
– 18 de decembro: “O Miño ameazado en orixe” (Meira)
– 15 de xaneiro: “Mámoas e petróglifos: custodiando ós nosos ancestros” (Friol)
– 26 de febreiro: “A depredación a mantenta das nosas florestas” (Lugo)
– 26 de marzo: “As aves na trampa do vento” (A Mariña)
– 23 de abril: “A Fonte Sagrada” (Fonsagrada)
– 21 de maio: “Biodiversidade ameazada polo lume no parque natural” (O Invernadoiro)
– 25 de xuño: “A loita dun pobo, gañar e perder” (Castrelo do Miño)
Os roteiros de ADEGA Lugo
Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.
As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.
Prezo xeral: 18€; Socios/as de ADEGA: 12€; Estudantes ou en paro: 15€; ata 14 anos: 5€.