O Concello abre mañá martes, a votación popular nas redes sociais do Arde Lucus para elixir, nunha primeira fase, entre os 64 deseños presentados na edición deste ano da festa de recreación histórica. De todos eles, a metade dos traballos que obteñan maior respaldo popular, é dicir 32, pasarán a unha seguinte e derradeira fase, na que un xurado de expertos elixirá o deseño gañador. Os e as lucenses poderán votar polo seu cartel favorito desde mañá ata o vindeiro 14 de abril, ás 12.00 da mañá.
Está previsto que a Casa da Xuventude acolla o 16 de abril, a partir das 11.00 da mañá, o acto no que se descubrirá a obra escollida para representar o evento de recreación histórica, unhas instalacións municipais que ademais acollerán durante un mes a exposición dos 64 deseños aceptados para o concurso deste ano, ao que se presentaron 67. Desde a área de Xuventude sinalan que estes tres traballos foron eliminados do concurso por tratarse de copias de portadas de libros; de carteis doutras festas nacionais e pola utilización de intelixencia artificial, algo prohibido nas bases deste concurso, que premiará con 1.900 euros ao gañador desta edición.
O xurado estará composto por persoas vinculadas coa ilustración e o deseño gráfico; unha persoa en representación da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón; e o arqueólogo municipal do Concello de Lugo, Enrique González. Todos eles deberán decidir o cartel que será a imaxe do Arde Lucus deste ano, en función de distintos criterios como o deseño e a composición estética, a orixinalidade da obra, a creatividade e a calidade da mesa.