Maña mércores, 4 de maio, terá lugar a VIII edición do mercado Comercio na Rúa Street Market. O comercio local sairá a rúa da cidade dende as 10:30 horas ata as 20:30 horas, de xeito ininterrompido.
No acto de presentación, ao que asistiron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Deputado de Promoción Económica e Social e Patrono da Fundación TIC, Álvaro Santos, e a Presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Nora Real, así como a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e a tesoureira do colectivo organizador, Marta López, a rexedora fixo fincapé na importancia desta iniciativa “máis que asentada”, xunto con outras levadas a cabo polas Autónomas de Lugo, para axudar ao desenvolvemento económico da cidade, remarcando que o comercio supón o 14% do PIB municipal e xera o 16% dos postos estables de traballo na cidade. Neste senso, Lara Méndez defendeu a capacidade de reiventarse e reciclarse das autónomas para buscar novas fórmulas e facer fronte á crise.
“O Concello está unha vez máis ao lado das autónomas con esta iniciativa que impulsa o comercio de proximidade”, asegurou Méndez, quen subliñou que este é un sector estratéxico para a cidade, na que máis do 80% das empresas pertencen ao sector servizos. Para rematar, a Alcaldesa convidou a todos os lucenses a realizar as súas compras mañá e ao longo de todo o ano no comercio local.
Pola súa banda, Santos Ramos, feliciou á Asociación de Autónomas por ter chegado á oitava edición “desta iniciativa que medra e fai medrar á cidade e á provincia de Lugo”. O Deputado subliñou ademais a oportunidade destes proxectos para que os estudantes da Escola de Imaxen e Son, dependente da Deputación, poidan facer prácticas en escenarios reais, “que se non fora por estas iniciativas non terían no seu haber prácticas reais”. Santos tamén quixo lembrar a importancia de encher as rúas de movemento, ao tempo que se lle da a oportunidade aos lucenses e visitantes de comprar dun xeito máis ameno e apacible e con mellores prezos.
Descontos de ata un 80% en preto de 90 comercios
O VIII Street Market ofrecerá descontos de ata o 80% nun amplo catálogo de produtos dende téxtil, calzado ou complementos, ata xoias ou lentes ópticas. Na cita participarán preto de 90 comercios de todos os sectores ubicados nas rúas San Roque, Montero Ríos, Progreso, Santo Domingo, Doutor Castro, Soidade, Campo Castillo, San Froilán, Quiroga Ballesteros, Armanyá, San Pedro, rúa Nova, Conde Pallares, Cruz ou na Praza Maior. Todos os establecementos participantes estarán debidamente identificados coa cor laranxa xa identificativa deste evento.
O mercado Comercio na Rúa Street Market celébrase na primavera e no outono coincidindo co remate das tempadas de inverno e verán, co obxectivo de atraer ao centros da cidade a lucenses e visitantes para que coñezan de preto o que ofrece o comercio de Lugo.