Este sábado, 13 de marzo, o casco histórico volverá acoller as andainas Mulleres con Forza, tras esgotar as prazas a pasada fin de semana. A guía local Lidia de la Fuente será a encargada de dirixir esta camiñada, que se celebrará en dúas quendas, unha ás 10:00 horas, para a cal as prazas están cubertas, e outra ás 12:00 horas. Para esta sesión aínda queda algunha praza dispoñible, que as persoas interesadas poden reservar no 010 ou no teléfono 982297350 para os de fóra de Lugo.
Estas andainas inclúense dentro da programación do 8M que organizou a Concellería de Muller, Igualdade e Xuventude. Son rutas culturais que percorren os espazos e monumentos relacionados coas mulleres que transformaron a sociedade lucense e galega ao longo da súa vida, deixando un importante legado a nivel histórico, cultural ou científico.
En Lugo sementamos igualdade
O libro En Lugo sementamos igualdade, que se presentou onte á tarde a Concelleira Ana Abelleira, xunto á autora, Llerena Perozo, tamén enmarcado na programación do 8M, pode descargarse dende hoxe na páxina web do Concello de Lugo. Así mesmo, para todas as persoas que o queiran en papel, poden recollelo, na Casa da Muller (no parque da Milagrosa) con cita previa no teléfono 982297412. O Concello editou mil unidades desta publicación, que é unha pequena guía cunha tarefa común: a igualdade.