O Pleno da Corporación Municipal aprobará o xoves a declaración institucional do 8M promovida pola área de Muller, Igualdade e Inclusión, un documento que foi consensuado por todas as forzas políticas co que se pretende, segundo explica a edil desta concellería, Ángeles Novo, “avanzar en igualdade para forzar unha sociedade máis saudable e xusta para todas as mulleres e nenas”. Neste sentido, Novo fai fincapé en que “desde o Concello de Lugo temos claro que os dereitos das mulleres deben ser unha prioridade para as institucións públicas, un aspecto que está moi presente no lema deste ano adoptado polas Nacións Unidas: Para todas as mulleres e nenas: Dereitos. Igualdade. Apoderamento”.
Na declaración institucional que aprobarán todos os grupos políticos no Pleno de pasado mañá, tamén abordaranse outras necesidades en materia de igualdade, para crear unha sociedade máis xusta e saudable en todos os ámbitos, como unha vía para “construír un estado de dereito máis capaz e forte, economías máis sólidas e esferas sociais máis seguras”, sinala Ángeles Novo.
No documento que irá ao Pleno proponse que o Concello de Lugo estableza entre os seus obxectivos “a creación de posibilidades para promover a inserción laboral das mulleres nunhas condicións de igualdade, ademais de para que as nenas e mozas do hoxe podan acceder aos empregos cos que soñan nun futuro”.
Outras metas que quedan recollidas nesta declaración pasan por “dar voz ás mulleres esquecidas, ás mulleres do rural e a todas as que sofren a dobre ou triple discriminación; pola discapacidade, pola súa identidade, étnia, idade, orientación sexual e/ou nivel socieconómico” para eliminar estas barreiras. Igualmente se busca a “mellora na incorporación da perspectiva de xénero en todas as eivas presentes na vida actual” ao tempo que se traballa para “Incrementar a participación activa as mulleres na vida política, económica e social no ámbito local”.