A Semana Nacional do Deporte Antigo abre o xoves as súas portas, cunha posposta cultural que se desenvolverá ata o 23 de novembro, e que concentrará en Lugo a máis de cincuenta atletas e especialistas de toda España. Organizado pola Área de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo, xunto coa asociación Lucius Spiculus Divulgación, o evento é unha cita máis que consolidada no panorama nacional que por primeira vez chega a Lugo.
Para aportar esa visión rigorosa e experta nestes temas, entre os poñentes destacan Alfonso Mañas, Doutor en Historia do Deporte, experto en gladiatura, investigador da Universidade de Berkeley e membro do Consello Editorial de The International Journal of the History of Sport.; Juan Tranche, editor e divulgador sobre a Antiga Roma e autor da novela Spiculus; Fernando Barriales, recreador histórico especializado en gladiatura e creador de musealizacións; e Javier Romay, fundador de Lucius Spiculus Divulgación e especialista en deportes antigos. Cada un deles xogará un papel importante nos ciclos de conferencias, que se desenvolverán ao longo dunha semana, e que permitirán un maior enriquecemento da historia e das orixes da cidade de Lugo.
Entre as actividades máis destacadas desta semana, inclúese o V adestramento nacional de gladiatura, que en edicións anteriores acolleron cidades como Tarragona e Madrid. Os adestramentos, abertos ao público, permitirán observar de preto as técnicas e prácticas destes antigos combates. Ademais, o vindeiro día 23 celebraranse os Xogos Panhelénicos no Campo Municipal de As Pedreiras, onde o público poderá experimentar disciplinas deportivas da antigüidade e presenciar unha competición de nivel nacional.
Lucius Spiculus Divulgación, que coorganiza estas xornadas, traballa desde a súa fundación en 2020 para recrear e dar a coñecer o deporte da antigüidade cun rigor e compromiso que os levaron a participar en eventos tanto nacionais como internacionais. Colaboradores habituais do Arde Lucus, esta asociación tamén tivo presencia en encontros de renome en cidades como Mérida, Turín e Roma, posicionándose como unha referencia na divulgación e práctica da gladiatura e outras disciplinas antigas.