Estudantes da UNED de Lugo reclaman dialogo de cara aos exames

Estudantes da UNED en Lugo, a través da súa representante Paula González Fernández,  emitiron un comunicado por mor dos atrancos que están a ter por mor das probas deste curso que pasaron a ser online, pero “a UNED non ofrece ningún tipo de protección ou seguridade ante caídas do sistema, que será unicamente atribuíble aos estudantes. Isto é especialmente grave xa que o día da proba xeral, que foi o pasado 16 de abril, o sistema caeu estrepitosamente ao non aguantar a carga de todas as persoas que nos conectamos para acceder a mesma, feito que foi trending topic a nivel nacional”.

Por outro lado vemos que “en moitos casos os exames endurécense xa que se reduce moito o tempo de realización, se penalizan fallos, etc”. Segundo a representante dos estudantes , a explicación da UNED e que “non se pode perder calidade e necesitan ter exames que non sexan sinxelos. Pero non é lóxico que durante unha crise sanitaria sexamos nos quen paguemos o pato, cando case nin podemos centrarnos, e moito menos funcionar con normalidade cas bibliotecas e librerías pechadas, entre outros temas”.

Por ultimo a delegada de estudantes da UNED en Lugo, quere salientar que non se están dando solucións para as persoas que carecen dos medios técnicos suficientes (ordenador con cámara) ou incluso de conexión. Tampouco se están dando respostas a todo o persoal que viu incrementada a sua carga de traballo e que segundo o Ministro de Universidades deberían poder trasladar a sua matricula do segundo cuadrimestre o ano que ven sin penalización ningunha”.

Para rematar, Paula González, reivindicou que “como voz electa e lexitima dos estudantes, solicitamos á UNED que non se nos exclúa das decisións, que se nos presenten por facultade os novos plans de avaliación, e que teñan en conta o que opina esta parte que é a máis numerosa e que é a fundamental da propia existencia da institución”.

A continuación o comunicado integro realizado en conxunto co resto de representantes do estado español.

A UNED non atende as recomendacións do ministerio e aparta aos estudantes de calquera negociación

Desde o pasado 3 de abril, data en que se publicou a Resolución Reitoral, sentimos por parte dos estudantes da UNED unha sensación total de confusión por parte das nosas autoridades académicas, e non é que non se nos informe, é que das cuestións importantes e das que nos sentimos indefensos non nos informan, ademais de que as nosas peticións están caendo en saco roto. Tras a mencionada Resolución Reitoral, inconclusa ao noso entender, xerouse tal desconfianza entre os estudantes, que por unha banda, a día de hoxe, non coñecemos nin o calendario de exames nin como se van a desenvolver as distintas avaliacións por parte dos ED e por outra banda apareceron unha cantidade importante de “bulos”, mesmo por parte dos ED, de coordinadores de materias ou de mesmo algunha directora de Centro Asociado fomentando máis aínda o desconcerto entre a comunidade de estudantes.

Na última reunión mantida polo Ministerio cos representantes estudantís, coa participación tanto de CEUNE (Consello de estudantes universitarios do Estado)como CREUP (Coordinadora de representantes de estudantes de universidades públicas) faise mención no devandito documento que “… seguindo as directrices das Axencias de Calidade, Conferencia Xeral de Política Universitaria, CRUE e o propio Ministerio de Universidades; a elección da forma de avaliación non debe realizarse de maneira unilateral polo persoal docente, senón que, dada a excepcionalidade da situación, as modificacións dos procesos de avaliación deben ser acordadas cos estudantes de cada materia. É importante ter en conta as situacións individuais e flexibilizar os mecanismos de avaliación, xa que non todos os estudantes se atopan nas mesmas condicións para enfrontarse a ela”.

Ben pois a día de hoxe ninguén por parte da UNED se puxo en contacto cos representantes dos estudantes para tentar, polo menos, acordar devanditos procesos, algo que consideramos moi grave por parte da UNED, saltándose á toureira as recomendacións tanto do Ministerio como das Axencias de calidade, a Conferencia de política universitaria, a propia CRUE da que é membro o noso reitor e as peticións dos estudantes. Consello Xeral de Estudantes Comisión Permanente.

Outra situación da que tamén estamos pendente de saber como van realizar esa consideración que figura na resolución reitoral de medidas necesarias aos estudantes con necesidades especiais, onde se inclúen a todos os compañeiros que están a traballar en primeira liña para vencer a esta epidemia, todos aqueles compañeiros que non teñen os medios suficientes para realizar as avaliacións on- line, na que a calidade da conexión non é a máis axeitada para realizar un exame deste tipo, e a parte da nosa comunidade máis vulnerable de todas que son os estudantes con algún tipo de discapacidade, ou ben aqueles que a actual situación de confinamento prolongado impediulles unha preparación adecuada para presentarse ás probas.

Necesitamos saber que vai pasar ante unha situación sobrevida como a caída da internet ou a caída da rede eléctrica; (algo moi normal actualmente) Deberemos empezar o exame desde o principio? Iso queda gardado para continuar por onde o deixamos? Vai contabilizar como tempo de exame mentres vén a luz ou internet? Por exemplo. En fin, moitas dúbidas que deixan no aire moitas respostas por parte da nosa universidade e crean un nerviosismo engadido ao propio desta situación que estamos a pasar. Queremos respostas xa!

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com