Dende Esquerda Unida demandan a instalación dun paso de peóns na ronda de Magoi, fronte ao supermercado e a cafetería existentes na zona. “Esta vía supón un serio perigo para os peóns, tendo en conta a grande distancia que hai que percorrer para chegar ao extremo da rúa onde se ubica o único paso de peóns actual, e o estreitamento no paso de vehículos (dificultando constantemente o tránsito do autobús urbano) debido aos aparcamentos indebidos, produto dunha mala planificación do tráfico e dos carrís”, apuntan dende Esquerda Unida.
Asemade sinalan que “nesa zona atopamos edificios residenciais, comercios e en xeral moita circulación de persoas que en ocasións deben cruzar a rúa atravesando a mediana, poñendo en risco a súa integridade e a dos condutores, tendo o gravísimo precedente dun atropelo mortal acaecido nese mesmo punto”.
“Agardemos que o concello faga os estudos necesarios e tome con celeridade as medidas oportunas para arranxar esta situación o antes posible”, conclúen.