EU denuncia o estado de abandono e inseguridade do aparcadoiro do campo de fútbol de As Gándaras

A candidata de Esquerda Unida á alcaldía ao Concello de Lugo, Chus Rodríguez visitou nestes días os arredores do campo de fútbol municipal de As Gándaras, logo de recibir múltiples queixas da veciñanza “sobre o estado lamentable no que se atopan os accesos ao campo e a zona que, a meirande parte de usuarios das instalacións e familias, empregan como aparcadoiro”. Fochancas, buratos, auga e barro, poboan a parte de atrás do campo, convertido nun lameiro onde é doado quedar atascado co vehículo.

Neste estadio municipal xogan e adestran moitos equipo da cidade, desde categorías infantís ata maiores e tamén xogan moitos equipos visitantes nas correspondentes ligas e competicións de fútbol.

A iluminación deficiente, os buratos do chan de tamaño considerable, xunto co encharcado e embarrado da rúa, amosan unha imaxe deplorable que contrasta co estado do terreo de xogo, que hai uns poucos anos se acondicionara con céspede artificial.

O pasado mes de novembro, ademais, caeu unha rama dunha árbore sobre un dos vehículos estacionados, sen que por fortuna neste caso, houbera danos persoais.

Chus Rodríguez indica que “para os usuarios e familias dos rapaces que aquí xogan e adestran, así como para os que veñen de fora a xogar e teñen que aparcar nos arredores do campo, resulta difícil non atascar o coche nas numerosas fochancas que hai no chan, ademais de resultar perigoso, pois poden producirse accidentes, dado o estado embarrado e, por zonas, anegado de auga”. Por outra banda, remarcou que, “se Lugo é unha cidade recoñecida pola súa aposta polo deporte infantil e xuvenil, a imaxe que ofrecemos cuns accesos e aparcadoiro para un estadio coma esta é deplorable, pois aseméllase máis a un campo de batalla, que a un campo de fútbol”.

A candidata de EU a Alcaldía de Lugo, exíxelle ao Concello de Lugo “a inmediata mellora e acondicionamento dos accesos e zona de aparcadoiro do campo municipal de fútbol de As Gándaras, así como unha iluminación e sinalizacións adecuadas, de cara a evitar accidentes”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com