EU Lugo preguntará no Congreso pola falta de presuposto para os maxistrados suplentes

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, preguntará a iniciativa de Esquerda Unida Lugo na Comisión de Xustiza do Congreso dos Deputados polo esgotamento do orzamento adicado aos maxistrados suplentes galegos, que xa provocou a suspensión de decenas de xuízos na cidade de Lugo e que “poderá abocar ao colapso á administración da xustiza en toda a provincia”.

EU Lugo critica a política orzamentaria do goberno estatal do PP, que segue sen investir no aumento da provisión de xuíces e fiscais nin na creación de novos xulgados, por impedir, segundo indica a agrupación provincial, o correcto funcionamento do sistema xudicial e a propia independencia do poder xudicial. “Ao Partido Popular non lle interesa unha administración da xustiza áxil e de calidade, pois iría en detrimento dunha organización esencialmente corrupta. Se así fose, a prioridade sería unha maior convocatoria de prazas e a apertura de novos xulgados, como o do Social e de Violencia de Xénero, que son imprescindibles nestes momentos en Lugo”, apunta Isabel Sánchez, coordinadora comarcal de Esquerda Unida Lugo.

EU Lugo considera prioritario o aumento dos fondos económicos asignados ás suplencias e á contratación de novos letrados, tendo en conta a alta taxa de baixas de larga duración na profesión xudicial e o feito de que se teña esgotado a partida adicada a xuíces sustitutos en Galicia xa a mediados de ano, o que evidencia a súa clara insuficiencia.

“O Goberno non pode ignorar a precaria e insostible situación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e nomeadamente dos xulgados lucenses, cuxa situación é mais grave se cabe que no resto da comunidade autónoma, dada a actual parálise do Xulgado de Primeira Instancia número 3, xa que tódolos xuíces de adscripción territorial están xa destinados a outras salas e que a reserva dos xuíces en prácticas foi repartida entre as provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense, sen que ningún fora adscrito a Lugo”, explica Sánchez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com