Eu non lle votei ao caciquismo

Hai xa moito tempo, despois do meu efémero paso pola política, que recoñecín que non é o meu, que vela desde fora non reflicte para nada o que é vivila entre “bambolinas”, o cal non o digo nin como crítica, nin como loanza.

É, sinxelamente, diferente, e, o que si é certo é que estar en política crea certas “obrigas” que eu non me vexo capaz de asumir, e que, por outra banda, son totalmente opostas as miñas como parte dun colectivo como Si, hai saída, ou, alomenos, do enfoque que nos lle damos, e
que me impide ser “políticamente correcta” en todo momento, ou calar aquelo que me corroe por dentro e que considero que debo expresar alto e claro , algo que tampouco vou cualificar como bo, nin como malo. Son, sinxelamente, dúas facetas para min incompatibles.

Isto non impide, por suposto, que, como cidadán que son, intente estar ao tanto do que sucede neste eido, xa que, obviamente, tamén me afecta, e que teña, por suposto, a miña opinión e o meu criterio, en especial no referente a todo aquelo que atinxe a Lugo, a miña cidade de toda a vida, a que quero de verdade, pero a que cada vez recoñezo menos, e non o digo por unha cuestión meramente estética, que tamén, pero ese sería outro debate no que agora non vou a entrar, se non por algo directamente relacionado con quen nos está a gobernar, pero non na teoría, se non a efectos reais, prácticos, por mais que se tente camuflar.

Hai uns días, alguén me fixo chegar un “publirreportaxe gráfico” que era un resumo do primeiro ano do goberno municipal desde as eleccións do pasado ano 2023, que circulaba polas redes sociais.

Non é que me descubrira nada novo, obviamente, pero velo así, todo xunto, plasmado, nunhas imaxes que son a confirmación do que está a suceder realmente en Lugo, ou, mellor dito, de quen goberna realmente en Lugo, conseguiu, teño que dicilo, por unha banda, que me caera a
alma aos pes, e, pola outra, como cidadán que votei, que expresei a miña vontade, como milleiros de lugueses e luguesas, que me sentira estafada e enganada.

As imaxes en cuestión correspondían a diferentes eventos, actos institucionais, etc, etc, etc, e, en todas elas, perfectamente integrado, coma se dun membro mais da Corporación Municipal ou do equipo de Goberno se tratara, o representante do caciquismo mais rancio, mais tiránico e
mais deplorable que pode existir.

E non me estou a referir tan so a o bipartito, se non as diferentes institucións, organismos, etc, etc, que se inclinan ante o “caudillo” que, obviamente, os ten ben amarrados, algo que, evidentemente, terá que ver con futuros votos, no caso das cores políticas, pero que vai moito
mais alá, que moitos favores se teñen que deber e moitas cousas se teñen que saber, para permitir que toda unha cidade, todos os representantes, sexan no eido que sexan, bailen ao son que o señor feudal toca.
É, creo, para sentir auténtica vergoña allea.

Eu, repito, coma tantos milleiros de lugueses e luguesas, exercín o meu dereito ao voto, outorgándollo a aqueles que desexaba que gobernasen os vindeiros catro anos. Con mais ou menos convencemento, por convicción ou por descarte, tanto ten, pero, en calquera caso, expresei nas urnas a miña vontade.

Do mesmo xeito, teño,como sempre o tiven, moi claro quen NON QUERO, baixo ningún concepto, que me goberne, e eu, en ningún momento lle votei ao caciquismo. Non hai dereito a que, cos meus impostos, cos de tantos lugueses e luguesas, nunha cidade como Lugo, na que tanta necesidade hai, malia que se tente aparentar o contrario, na que a precariedade dos empregos, así como o desemprego, é un feito constatado, na que cada vez mais familias se ven privadas dos recursos mais básicos, chegando a pasar auténtica necesidade, se estean a encher as arcas dun feudo, a costa do suor, do esforzo, mesmo da fame, de tantos cidadáns.

É sangrante, por non dicir denunciable, que, mentres a moitas familias ou persoas no limiar da exclusión social, da pobreza mais absoluta, se lles diga que non hai recursos abondo para brindarlles a axuda que precisan para sobrevivir, sexan habituais as fotos na prensa das diferentes institucións destinando fondos e mais fondos as arcas deste feudo e a organización dos seus lamentables espectáculos para xustificar os seus destinos.
Como tamén o é que todos aqueles que non nos vimos ao seu rego paguemos as consecuencias, porque somos perfectamente conscientes de que se nos van pechar todas as portas.
E totalmente inconcibible e imperdoable que, en pleno ano 2024 se nos inste a calar ou mesmo, como é o meu caso, se me chegue a preguntar se non teño medo das consecuencias de falar tan claro.

E que non queda nin un ápice de moralidade, de ética, na nosa cidade?.

É ben certo que cada quen é moi libre de soportar o que lle pete, e que ten a súa escala de valores, pero non o é menos que o que non é xusto é que toda unha cidade teñamos que pagar a reverencia e mesmo a submisión daqueles a quen lles demos os nosos votos, ou de representantes de institucións que, se supón, deberían ser un exemplo de obxectividade e de rigorosidade, como non o é menos que o que está a acontecer en Lugo é absolutamente escandaloso, e, se hai algo de certo niso de que “o pobo é quen mais goberna”, neste caso non se está a cumprir.

É, xa para rematar, de novo reitero, non vou revelar, obviamente, a quen lle votei no 2023, pero o que si podo berrar ben alto e ben claro, é que eu non lle votei ao caciquismo.

Marta Rodríguez Engroba

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com