A alcaldesa de Lugo vén de anunciar a construción dun novo pavillón polideportivo que pretende ubicar na rúa Veiga Grande, fronte ao centro comercial As Termas. Considerando positiva a creación dunha instalación moi demandada nos últimos anos, dende Esquerda Unida consideran, nun comunicado aos medios, que a zona máis axeitada para a súa ubicación sería a de Abella, nos terreos dos que dispón o Concello para dotacións deportivas, ao final da rúa Lamas de Prado.
Entre as principais razóns que EU da para esta nova ubicación son, “en primeiro lugar, que o Concello ten unha débeda histórica cos barrios, e moi particularmente coa zona de Abella. Unha débeda tamén moral, despois do rotundo fracaso do desenvolvemento urbanístico da zona presentado por outro goberno municipal en anos anteriores”.
Asemade, o solar que o Concello de Lugo dispón no barrio de Abella con 2.725,09 m², está destinado no planeamento vixente a “sistema xeral de equipamento deportivo”. Asemade, advirte EU, existe outra parcela contigua de 2.509,67 m2, tamén de propiedade municipal, destinada a “sistema local de equipamento deportivo”. En total, 5.234,76 m2 de solo destinados para equipamentos deportivos.
A diferencia entre un sistema xeral e outro local é que o xeral é para prestar servicio á totalidade do municipio, e o local para o ámbito no cal está incluido. Se o novo polideportivo pretende dar servicio a toda a cidade, o lóxico é que se ubique nun solo destinado a sistema xeral, como é o caso do solar municipal en Abella, e non nun solo destinado a sistema local, como propón Lara Méndez.
A zona de Abella, asemade, conta cunha alta densidade de poboación. Ademais, alberga tres centros educativos de primaria e secundaria (Casás, Menéndez Pelayo e Leiras Pulpeiro) con máis de 1.600 estudantes que carecen de instalacións deportivas para a práctica do deporte. Por contra, a zona do sector Norte B proposta polo goberno municipal non conta con poboación, estando deshabitada.
Outra razón que expoñen dende Esquerda Unida, ten que ver coa sostenibilidade e o aforro enerxético, no que a rexedora pretende basear o novo espazo deportivo. “Desde o punto de vista da sostenibilidade, o polideportivo está mellor ubicado en Abella que no sector Norte B, porque este último obriga a realizar desprazamentos en vehículos, sexan públicos ou privados. En cambio, a ubicación en Abella permite o acceso a pé para un amplo número de persoas, nunha das zonas mellor comunicadas, que dispón dunha alta accesibilidade dende todo o municipio”.
“Ubicar o polideportivo fronte ao centro comercial As Termas supón un agravio comparativo e unha discriminación cara outros barrios da cidade, tendo en conta que na mesma avenida Infanta Elena xa existen outras instalacións deportivas municipais: o Complexo polideportivo de FRIGSA, o Polideportivo Municipal Casa do Deporte e o Campo de fútbol Luis López Gorgoso”, denuncia EU.
“En EU consideramos que en base á legalidade urbanística, a xusticia social, a sostenibilidade e a lóxica, o proxecto do polideportivo que se pretende construir nunha zona deshabitada, como é a do sector Norte B, debe trasladarse ao barrio de Abella”, conclúen.