Noto o peso dos anos, máis ca fisicamente nas continuas referencias a tempos idos. E non porque xeneralice a bondade do pasado, que moito habería que matizar, senón porque o paso do tempo me vai permitindo comparar situacións que me parecen aberrantes.
O deporte – panem e circenses – sempre foi moito máis que a expresión de potencia física e harmonía expresiva, e hai moitas décadas había a opinión xeneralizada que se nos ofrecía a cachón desde os medios oficiais para que na súa contemplación desfogásemos ímpetus e ansias.
Que os medios de información públicos dediquen as tardes da fin de semana aos deportes, esencialmente fútbol, por riba das noticias xerais paréceme un despropósito consciente que seguro coincide coa apetencia da maioría de oíntes e televidentes, polo que case me chega a parecer natural. Pero os que somos adictos ás noticias a hora fixa – quizais pola continuidade destas daquel “parte” cuartelario que nos permitía saber “parte” do que acontecía no mundo -, temos necesidade de que se respecten eses informativos que se ben nos alteran horas que debían ser plácidas, son a razón de ser – presuntamente imparcial – duns medios que doutro xeito non se diferencian dos que degradan – deforman – o xeito de ver e vivir o mundo.
Estes días, pretenden convencernos de que a Eurocopa é unha das razóns do noso existir, e a fiestra informativa do mediodia para ver o mundo pode pecharse para que contemplemos un partido entre as seleccións de fútbol de Suiza e Hungría. Eu non creo que os rectores da primeira canle pública do país non teñan capacidade de discernir entre o sensato e o insensato. Creo que é moito peor.