Segundo a información facilitada polos servizos sanitarios ao 112 Galicia un total de seis persoas, tres adultos e tres nenos, foron evacuados por inhalación e queimaduras ao Hospital Universitario Lucus Augusti. Os servizos de emerxencias actúan arestora no incendio declarado nunha vivenda situada no concello de Baralla.
Todo comezou ás 05:30 horas cando o 112 Galicia recibiu a chamada de alerta dunha persoa particular. Indicaba que un lume consumía por completo unha vivenda situada na parroquia de Penarrubia, concretamente no lugar da Revolta.
Axiña, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento do servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Sarria, dos membros do GES de Becerreá e de Baralla.
Compre sinalar que este operativo tamén conta coa colaboración dos axentes da Garda Civil, que foron informados polos xestores de Emerxencias 112 Galicia.