Un peregrino tivo que ser trasladado de urxencia a un centro hospitalario despois de caer da bicicleta cando facía o Camiño de Santiago. Os feitos producíronse á altura do concello lucense de Triacastela, no quilómetro 143 da ruta.
Un compañeiro seu chamou ao 112 Galicia ás 12:30 horas de hoxe solicitando axuda sanitaria. Explicou que os dous forman parte dun grupo de ciclistas que estaban peregrinando cara a Compostela. O persoal do CAE 112 Galicia contactou con Urxencias Médicas.
Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense e unha ambulancia. A persoa ferida acabou sendo trasladada ao hospital na aeronave. Ademais, os profesionais do CAE 112 Galicia puxeron todos estes datos en coñecemento do GES de Becerreá e da Garda Civil.