Exalcaldes

En Lugo ven de celebrarse un acto de xustiza coa entrega de cadansúa Medalla de Ouro da Cidade aos cinco exalcaldes da democracia: Novo Freire, Vicente Quiroga, Tomás Notario, García Díez e López Orozco.

Por ter traballado seis anos no concello, e por puro lucensismo, coido xusto e necesario recoñecer o traballo dos que desempeñaron a xefatura do goberno da cidade, aos que esquecemos máis velozmente do que os coñecimos no seu día.

Se se fixese unha enquisa, seguro que aos máis novos nin lles sonarían os nomes, e para os maiores estarían nunha nebulosa difícil de clarificar. Tampouco os exalcaldes facilitan este coñecemento xa que, cando deixan de selo, eles mesmos se retraen quizais por non atopar nos lucenses recoñecemento do seu labor.

Esta é unha distinción obrigada por parte do Goberno municipal en exercizo cara aos que tiveron responsabilidades fundamentais, e nunca se recoñecerá abondo a dedicación, as renuncias familiares, os  desagradacementos percibidos no exercizo dun cargo honroso con entrega total, sabores e sensabores.

Entre os cinco homenaxeados abanguen corenta anos de historia desta cidade desmemoriada, sempre a velas vir en relación coas institucións e os seus titulares, sempre agardando beneficios sen aportar nada a cambio.

Moi ben está unha Medalla, pero fai falla algo máis: un Estatuto de exalcaldes, non só para situalos nos actos públicos en lugares axeitados, ou para que teñan despacho na casa do Concello, senón para que poidan ser consultados e expresar as súas experimentadas opinións, e sigan formando parte do conxunto de lucenses activos dos que Lugo tanto necesita.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com