Os Bombeiros de Barreiros excarceraron ao condutor dun furgón despois de que o seu vehículo chocase contra un camión en Mondoñedo. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o home quedou atrapado polas pernas no interior da furgoneta.
O accidente ocorreu na A-8, concretamente no punto quilométrico 542, sentido Galicia. Debido á gravidade do sinistro, o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que, finalmente, o home foi trasladado nunha ambulancia ao centro hospitalario de referencia.
Foi o persoal sanitario quen alertou do ocorrido ao 112 Galicia ás 12:50 horas. Nese momento, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros. Desde o 112 tamén se informou á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mondoñedo.
Os membros do parque comarcal esperaron á chegada dun guindastre para separar os vehículos e levaron a cabo a limpeza da vía.