Un home resultou ferido, e tivo que ser excarcerado, despois de chocar o coche que conducía contra outro turismo ao seu paso polo concello lucense de Outeiro de Rei.
O accidente ocorreu poucos minutos antes das nove horas da mañá de hoxe. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos membros do GES de Friol-Palas, dous vehículos colidiron entre si e acabaron saíndose da vía por distintas marxes da A-6, á altura do punto quilométrico 504, sentido Lugo. Como consecuencia do impacto, un dos turismos envorcou e o seu condutor necesitou a axuda dos Bombeiros de Vilalba ao quedar atrapado no interior.
Foron varios os particulares que chamaron ao 112 para alertar do ocorrido e, a partir de aí, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que comunicaron a mobilización de dúas ambulancias ata o lugar, unha delas, medicalizada. Ata o punto tamén desprazáronse os Bombeiros de Vilalba, os membros do GES Friol-Palas, os axentes da Garda Civil de Tráfico e o servizo de mantemento das estradas.
Unha vez rematadas as labores de excarceración, o condutor foi evacuado polo equipo sanitario ao centro hospitalario de referencia. Pola contra, a persoa que conducía o outro vehículo implicado no accidente puido saír polos seus propios medios e non resultou ferida de consideración.