Ás 06:25 horas desta mañá, un particular pedía axuda ao CAE 112 Galicia. Indicaba que un coche estaba ardendo na LU-612, na estrada que une Lugo e Portomarín, ao redor do punto quilométrico 2, no concello de Lugo. Aínda que o alertante non sabía precisar si había xente no interior do vehículo, de inmediato, dende o 112 Galicia, ademais de pedir a intervención dos servizos de extinción, pasou aviso a Urxencias Médicas.
Unha vez no punto, confirmaron o falecemento e a excarceración do único ocupante do vehículo. A Garda Civil de Tráfico, efectivos do GES e de Protección Civil de Monterroso, así como, os efectivos de extinción de Chantada e persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foron informados do suceso.
Polo momento, descoñécense as causas do accidente aínda que todo parece indicar que, o turismo incendiouse despois de saírse da vía e chocar contra unha taxea.