Éxito das portas abertas nos locais comercias da Tinería que aluga o Concello

Os nove locais que o Concello alugará a emprendedores no barrio da Tinería estiveron hoxe abertos ás visitas do público. Dende as 10 da mañá, a rexedora acompañou aos primeiros visitantes, a ver todos os locais que o goberno aluga cuns prezos de entre 10 e 72 euros dependendo do tamaño. A alcaldesa congratulouse da grande cantidade de xente, unhas cen persoas, que acudían a primeira hora desta xornada.

Esta actividade demostrou que a iniciativa do Concello, de poñer en marcha un viveiro de empresas a pé de rúa para dinamizar social e economicamente o barrio, desatou un forte interese e expectación, pois unhas cen persoas participaron na visita aos inmobles.

Ademais, ante a demanda dos propios interesados, a entidade local organizou unha segunda xornada para coñecer os locais. Será o martes, entre as 16.00 e as 20.00 horas.

A alcaldesa que percorreu esta mañá os 9 locais en aluguer xunto coas persoas que participaron na visita e técnicos municipais do CEI Nodus, mostrouse moi satisfeita polo éxito da xornada e a boa acollida da iniciativa do Goberno, que demostra “as nosas ganas de xestionar” e coa que “buscamos dinamizar social e economicamente o barrio de maneira eficaz e controlada”, o contrario da vontade inicial da Xunta con estes inmobles, que pretendía poñer a través dunha poxa en mans privadas, “sen saber se realmente se ían abrir ao público, e de facelo, cando e con que uso”.

A elevada participación na xornada de portas abertas “tomba os malos augurios do Partido Popular, que nun novo intento de desvirtuar toda iniciativa positiva para a cidade buscando sacar a toda costa réditos electorais, chegou a dicir que o barrio ía quedar baleiro, expresando un desexo máis que unha realidade”.

Prorrogable ou non

BNG anunciaba esta mañá que lle pedirá ao goberno que aclare, con respecto a estes alugueres se van ter ou non posibiilidade de prórroga. Para Arroxo, existe unha gran contradicción entre a información que se fai pública a través da prensa, e a publicada no Boletín provincial. Seundo os nacionalistas, as persoas interesadas, que terán que facer unha gran inversión, deben coñecer se poderán ter o local máis de 4 anos ou non.

Neste senso, rexedora explicou que, nas bases, se recollen catro anos de duración do aluguer dado que, o propio Concello ten alugados estes locais por cinco anos, e deberán xestionar eles mesmos unha nova prórroga antes de poder prorrogar aos emprendedores que o desexen. 

Polo tanto, a cesión será en réxime de aluguer por un período de catro anos (contados dende a resolución definitiva e a entrega das chaves), con opción a prórroga, e a renda será do 20% do que lle custa ao Concello o arrendamento dos locais ao IGVS. Deste xeito, a entidade local achega o 80% restante. As persoas ou entidades adxudicatarias asumirán o acondicionamento dos locais, que a día de hoxe están tal e como os entregou ao Concello a Xunta de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com