Hoxe celebráronse as últimas probas do Corre Con Nós nas categorías infantís, que discorreron polas Pistas da Cidade Cultural. Participaron os nenos e nenas das catro categorías convocadas nesta sexta carreira popular, enmarcada na 16ª edición do Circuíto Larsa Corre con Nós.
O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, destacou “o éxito de participación desta cita deportiva, así como nas súas potencialidades, que pasan por fomentar a práctica do deporte e por promover a riqueza de Lugo”.
A categoría mini deu unha volta á pista e un salto; a categoría A deu unha volta e media á pista máis un salto; a categoría B fixo un lanzamento, dúas voltas e un salto; e a categoría C realizou un lanzamento, tres voltas e máis un salto.
Ao finalizar as diferentes carreiras, a todos os nenos e nenas entregóuselles un vale para recoller a camiseta oficial do Corre Con Nós, que lles entregarán no Centro Comercial As Termas. Ademais realizouse o sorteo dunha bicicleta entre todos os participantes.
Última proba de adultos
A última proba deste circuíto na categoría de adultos terá lugar este domingo, 5 de xuño, ás 12:00 horas no Complexo Deportivo de Frigsa.