Expertos analizan en Mondoñedo a divulgación dos eventos locais coas novas tecnoloxías

Profesionais expertos nos eidos da comunicación dixital e da historia contemporánea ofrecerán unha conferencia en Mondoñedo durante a que analizarán as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías ao servizo da divulgación dos produtos e dos eventos locais. En concreto, os profesionais farán fincapé nas redes socias e na internet, como ferramentas para vender ao servizo do pequeno e mediano comercio, produtores artesanais e eventos culturais.

 Esta conferencia, que se desenvolverá baixo o lema O Mundo do Futuro, celebrarase o próximo venres, 4 de novembro, a partir das 20.00 horas, no Centro Comarcal de Mondoñedo. O Concello de Mondoñedo é o encargado de organizar esta iniciativa, en colaboración coa Universidade Rei Juan Carlos e o proxecto Retinae

 En concreto, na conferencia intervirán o Dr. Felipe R. Debasa Navalpotro, profesor de Historia Contemporánea e Mundo Actual na Universidade Rei Juan Carlos de Madrid (URJC)

No eido da comunicación dixital, participará José Ramón Saura, Google Developer Groups Organizer, doctorando en Marketing Dixital pola URJC e persoal de Proxectos de Investigación do Centro de Estudos Europeos URJC.

 Ante esta iniciativa, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, destacou “a importancia do aproveitamento das novas tecnoloxías ao servizo da posta en valor do patrimonio mindoniense, tanto do histórico, como do turístico e do cultural e, polo tanto, como ferramentas con forte potencial para a venda, en apoio ao comercio da localidade e dos seus artesáns”.

 A rexedora dixo que “pretendemos poñer en valor o patrimonio de Mondoñedo coas novas tecnoloxías para que chegue a máis xente, facendo todos os esforzos posibles para estar ao día dos cambios da nova era”.

Esta conferencia conta coa colaboración do proxecto Retinae, que se levou a cabo en convenio entre o Concello e o respaldo de diferentes institucións académicas e profesionais como a Universidade Rei Juan Carlos ou a Universidade a Distancia de Madrid e que ten por finalidade explorar os novos formatos audiovisuais, as novas tecnoloxías e os novos artefactos aero-móbiles, para enfocalos á divulgación cultural e turística, neste caso, do patrimonio mindoniense.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com