O alcalde e presidente da Fundación Expomar, José Mª González Barcia, presentou a celebración da feira Expomar 2015 que terá lugar entre os días 14 e 17 de maio en Burela.
González Barcia subliñou que por primeira vez superanse os 100 expositores e as 300 firmas comerciais presentes no evento. Na súa comparecencia avogou por manter a actividade das empresas pesqueiras para manter o emprego e sinalou a importancia que ten o mar para Burela.
González Barcia declarou que “tamén temos que destacar a enorme transcendencia que ten Expomar para o sector pesqueiro. Burela vai ser do 14 ao 17 de maio a capital do sector náutico pesqueiro, non soamente para Galicia senón para toda a cornixa cantábrica, porque nesta edición da feira vanse ver achegas tecnolóxicas significativas para o mundo da pesca. Nas xornadas técnicas e nos encontros profesionais vanse tratar asuntos de sumo interese”.
Sobre as novidades máis importantes da feira Expomar o alcalde subliñou que “hai que destacar dúas: por un lado, os avances en comunicación vía satélite de banda ancha; e, por outra, a presenza de drones, xa que o venres e o sábado vaise realizar unha demostración da aplicación dos drones para o sector náutico pesqueiro.
Para González Barcia “Expomar é evidentemente un referente para Burela dende unha dobre perspectiva: por un lado, a ninguén se lle escapa a repercusión que ten na economía local a presenza da feira e non soamente durante os propios días da feira senón tamén antes, durante a súa montaxe, e despois, cando xa se ten clausurado. Ademais disto nós vemos a feira como unha demostración de apoio do municipio de Burela ao sector pesqueiro, que é fundamental para a nosa vila. Burela boa parte do que é débello precisamente ao mundo do mar e quere seguir apostando no presente e no futuro por este sector.