Este ano, despois dos retrasos causados polo COVID, o Concello de Paradela celebra os seus primeiros 200 anos, con moi numerosos actos e actividades, dos que este domingo, 15 de maio, se poderá gozar do primeiro, unha importante exposición de 26 paneis con 725 fotos de Paradela e as súas xentes, que permanecerá aberta ata o final deste ano. Esta exposición, DO TEMPO DAS LUCES, vén a poñer de manifesto que “as luces dos tempos modernos iluminaron Paradela hai douscentos anos, tempo aquel no que o dominio da luz permitiu obter e gardar imaxes da vida”, nacendo a arte-ciencia da fotografía. Esta mostra, promovida polo Concello de Paradela e realizada polo Colectivo Egeria, conta co patrocinio da Xunta de Galicia – Xacobeo 21-22 e Endesa. A exposición, composta por seis bloques de seis paneis cada un, comeza por reflectir aos máis novos, no Colexio ou na familia; o papel da parroquia na vida das persoas: bispos e cregos, bautizo, enterros, vodas, procesións… Oito paneis reflicten a “Xente nosa”, de antes e de agora, para logo destacar a “Paradela musical”, “Terra, xente, actos e institucións”, feiras e festas, deportes, a vida no rural ou as imaxes que chegaban de fóra (do Servizo Militar ou da Emigración), e un percorrido polas parroquias do concello, co titulo de “De fe, arte e historia”. A mostra está acompañada dun catálogo co total das imaxes expostas, para que os visitantes leven os contidos da mostra para as súas casas, nunha publicación que lembra o primeiro achegamento a un posible Arquivo Fotográfico de Paradela.
XXXI FEIRA DE ANO E FESTA DE SAN CIDRE A exposición DO TEMPO DAS LUCES inaugurase no multiusos de Paradela o domingo, ás doce horas, dentro dos actos da XXXI FEIRA DE ANO E FESTA DE SAN CIDRE, que conta con exposición de coches clásicos e Feira de Artesanía no recinto feiral, e exposición de manualidades no Centro Sociocultural, desfile de carros e gando do país, acompañado pola Banda de Paradela, Misa no campo da Feira ás 17:00 horas, Concerto da Banda de Paradela (19:00), degustación de Ternera Gallega Suprema, Pan de Paradela e Viño da Ribeira Sacra