Mañá, martes, ás 18,30 h., na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, vaise inaugurar a exposición MIRADAS DO IMPERIO, do artista de Betanzos Alfredo Erias.
Erias, ata a súa recente xubilación Director do Museo das Mariñas e do Anuario Brigantino, ven a Lugo, precisamente coincidindo co Arde Lucus cunha exposición sobre emperadores e emperatrices de Roma ata o século III, con especial fincapé nos que tiveron relación con Lucus Augusti, incluíndo ademais as estelas de Crecente e Adai, que figuran entre os fondos do Museo Provincial de Lugo.
Nos cadros reprodúcese a imaxe dos mandatarios romanos, coñecida a través das estatuas existentes nos museos de todo o mundo.
Na apertura da exposición intervirán Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo; Xulio Xiz, Presidente do colectivo Egeria, e o pintor Alfredo Erias.
Tense efectuado convite especial para visitar esta exposición aos colectivos que participan no Arde Lucus e, por parte da Delegación Territorial, aos centros educativos da capital para que, os que o desexen, acudan co seu alumnado á exposición, prestándose Alfredo Erias a efectuar cos grupos unha visita guiada con explicación en relación con cada persoeiro reproducido e o seu papel na historia.