FAC-USO denuncia que o concello de Monforte non delega os procesos de selección da Policía Local

A Federación de Atención á Cidadanía da Unión Sindical Obreira en Galicia (FAC-USO Galicia) denuncia que o Concello de Monforte de Lemos non ten delegados os procesos selectivos da Policía Local na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

O sindicato avisa de que o consistorio monfortino non está adherido ao Convenio asinado pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a selección dos membros dos corpos de policía local. De feito, o Concello convocou dúas prazas de policía local a principios de xuño e outras dúas por oposición libre o pasado mes de outubro, poucos días despois de que AGASP celebrara varios procesos selectivos para cubrir 89 prazas de axentes locais en 24 municipios galegos.

Este sindicato tamén denuncia que isto non é a primeira vez que sucede, xa que hai un par de anos, o Concello fixo coincidir a data do primeiro exercicio das probas para a cobertura de tres prazas de policía local coa data da primeira proba da convocatoria da AGASP, provocando que 280 aspirantes tiveran que decidir entre as dúas convocatorias e que as tres prazas do concello de Monforte quedaran sen cubrir.

Nun comunicado, a FAC-USO pide ao Concello de Monforte que “se adhira ao Convenio para a selección dos membros dos corpos de policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local, delegando na AGASP estes procesos selectivos”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com