Facer cola

A venda de lotería polo Nadal provoca colas que se ata hai pouco se formaban os días previos ao sorteo agora, igual ca todas as celebracións, se amplían de maneira que xa hai que facelas para mercar un boleto que pode facernos ricos, de paso que produce un gran beneficio directo ás arcas públicas.

Teño dito e repítoo aquí que non me gusta ver colas para mercar lotería, e gustoume velas na campaña de viaxes do Imserso porque está moi ben que os maiores nos apuntemos a todo o que aparece no noso radio de acción. Teño participado nestas viaxes, e acredito que son ocasións perfectas para viaxar lonxe, por igual ou menor custo ca o da vida cotiá na casa. Ver colas de xubilados nas Axencias de Viaxes provocoume boas vibracións por ver que os que temos liberdade laboral sabermos voar libres.

Non me gustan as colas para comprar lotería, quizais por non ter sorte no xogo e que nunca recupero máis do 10% do investido, o que é lóxico porque dalgún lugar saen os millóns dos premios e o que as arcas do Estado levan polo noso afan de tentar o azar, como impostos que pagamos que a ninguén lle doe aportar.

Se o Estado puxese igual empeño en que investísemos en bolsa ou aforrásemos, mellor nos iría como país, pero ninguén adoita pensar na sangría económica que supoñen os xogos de azar nos que, pola probabilidade infinitesimal dun premio imposible ilusionámonos…e facemos cola. Pola ilusión. Prefiro a ilusión das viaxes, e parécenme fermosas as colas dos maiores que non queremos ser vellos e apostamos por respirar aires que nos fagan comprobar que, como dixo Paul Eluard, “hai outros mundos, pero están neste”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com